Humano

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

Dos personas abrazándose
Dos personas abrazándose iStock

15 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa vai mediado xaneiro. Partido pola metade. Comezan a crecer os días e en Monterrei, como cada ano, queren alumear as mimosas. Aínda queda un mes. Pero chegarán. Tinguirán de amarelo o lugar que Otero Pedrayo denominou o Partenón dos vales galegos. O val de Verín conserva un alborozo que o fai diferente. Iso creo. Tamén é o mesmo que cre o meu primo Gerardo. Fixo a mili en Ferrol. Ao chegar ás Estivadas, cando dende o alto pode contemplarse o val, dicía que comezaba a respirar. Ao Mariló pasáballe o mesmo ao volver de La Seu d'Urgell. E ao Bernardo, que viviu en Venezuela, pero deitaba no seu colo, como unha pomba delicada, o verbo regresar. Hai lugares nos que o regreso é unha parábola da fortuna. A Verín un regresa con alegría. Porque a alegría está escrita entre as fendas e fontelas e ríos deste territorio. O mestre Chesterton aseguraba que non podiamos crer en nada que non puidésemos contar con imaxes de colores. Por iso pensaba, en contra de moitos dos seus opoñentes, que o gran segredo do cristianismo era a alegría. Penso o mesmo ca el. Por iso, mentres repaso centos de mensaxes de Nadal do meu teléfono móbil, creo que o ser humano é en si mesmo benévolo, afable e bondadoso. Hai algúns que perseveran na tarefa de enfrontármonos. De facernos peores do que somos. Convén non prestarlles demasiada atención. Proseguir o camiño. Coas nosas virtudes e defectos. Borrar o que non conveña e lembrar o importante. Non pode ser que, despois de desexarnos tanta felicidade hai tres semanas, todo caia no esquecemento. É preciso recordar o que somos. E somos ese «feliz Nadal» que xa queda lonxe. Feliz 2026. E, agora, feliz entroido. O ser humano é, esencialmente, humano.