Esta será a noite de Todos os Santos. Agora chámanlle Halloween, ou Samaín, a min paréceme un novo entroido danzando sobre a outonía. En Verín xa temos o entroido do inverno, que este ano caerá alto (marzo), a batucada (que é un carnaval de verán) e agora estas carnestolendas na proa de novembro. A min, confeso, non me agrada esta moda de disfrazar á cativada de vampiros. E as teas de araña penduradas nos escaparates prodúceme pavor. Tampouco admiro as roupas escollidas para os bailes diversos, nin a imitación de sangues de todo tipo e lugar. Desagrádame profundamente este ritual lúdico. A festividade de Todos os Santos é principal entre os católicos. Instaurouna no ano 835 o papa Gregorio IV. Era un modo de honrar aos santos coñecidos e descoñecidos, canonizados e non canonizados. Ningún debería ser esquecido. O papa tamén abrigaba a intención de rematar coas tradicións pagás. Este obxectivo, á luz da actualidade, non o conseguiu. Cada ano son máis os adeptos á noite do 31 de outubro. Mañá os católicos visitaremos os cemiterios. Estarán decorados de cores: a luz das flores, as bágoas dos recordos, a obriga de presentar respecto ás ausencias. O día seguinte será o dos defuntos. A Igrexa quere que ese día recemos por todas as almas. Eu lembro estas datas na miña nenez. Pola mañá iamos ao cemiterio e pola tarde, habitualmente, collíamos un autobús que nos levase a Chaves, onde a festa dos Santos é un balbordo de xentes e sentires. Tamén recordo as candeas acendidas toda a noite na lareira da casa. En ocasións fitaba cos meus ollos no seu lume, absorto. Máis dunha vez chorei. As almas, cando escribo, seguen falando comigo. Escribir é un modo de recordalas.