«2720», «Aunque es de noche» e «O estado de Alma» acadaron os premios das seccións oficiais do FIC Verín

La Voz

VERÍN

Sara Naves Sousa, premiada no FIC Verín pola súa curta «O estado de Alma»
Sara Naves Sousa, premiada no FIC Verín pola súa curta «O estado de Alma» Cedida

O xurado novo decantouse por «Lemon Tree» e o público por «O estado de Alma»

08 sep 2024 . Actualizado a las 11:43 h.

O Festival Internacional de Curtametraxes de Verín, FIC Vía XIV, celebrou este sábado a súa gala de clausura e na mesma procedeuse á entrega de premios. En A Raia, o premio foi para o director suizo-portugués Basil da Cunha polo seu filme «2720». No caso da sección Horizontes o galardón tamén viaxou a Portugal, neste caso a mans da directora Sara Naves e a súa curta «O estado de Alma». Guillermo García López e o seu filme «Aunque es de noche» foron os gañadores no apartado Nova. Sara Naves e o seu traballo «O estado de Alma» sumaron tamén se levaron o galardón que concedeu o público. As preferencias dos compoñentes do Xurado Novo recaeron na curtametraxe «Lemon Tree», de Raquel Walden

Severiano Casalderrey, Nora Sola e membros do Teatro Experimental Flaviense de Chaves formaron o xurado oficial e na súa decisión acordaron facer mencións especiais a algunhas das curtas participantes. Na categoría Nova, a mención foi para «Nada de todo esto» de Francisco Cantón e Patricio Martínez; e na categoría A Raia para «A rapariga de olhos grandes e o rapaz de pernas compridas» de María Hespañol e «A short film about kids», do palestino Ibrahim Handal

Na convocatoria Pincho Cine o premio foi para o bar Oasis e no concurso de pintura os galardóns recaeron en Pepa Alonso -categoría sénior- e Mariña García -no apartado infantil-xuvenil-. 

O director do FIC Verín agradeceu a implicación do público e a participación dos directores e as persoas vencelladas ao sector audiovisual. «O cinema transfórmanos como individuos e comunidade e o FIC, dalgunha maneira, e a proxección desta idea na nosa vila. Nove anos reuníndonos ao redor dunha pantalla, coñecéndonos, compartindo ideas, facendo comunidade ao redor do audiovisual», sinalou Carlos Montero na gala.