E pouco máis

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

MIGUEL VILLAR

25 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Derradeiro xoves do primeiro mes do ano. Algúns fan balance. Outros camiñan sen mirar atrás. E sen mirar demasiado cara adiante. Coma neve, coma nordés que naufraga contra os meus dedos, contento, inocente, ilusionista e ilusionado, penso nas cousas que en verdade importan. A saúde. As persoas que amas. As persoas que te aman. Os amigos, que hai días que te aman máis e outros que te aman menos. Pasear e escoitar a mazurca que deixa o río Támega entre os xeos do inverno. Ver a Dino, o noso mastín, asomado na fiestra mentres almorzo un zume de laranxa e o primeiro café. As cancións que inventa, para min e para toda a humanidade, Emilio Rúa: el leva no corazón a guitarra indomable do talento. O sol, cando levanta o seu cabelo loiro entre as trenzas do ceo. Verín de Verín, tan calado mentres agarda a música en si bemol dun carnaval que atoutiña, acariña, anda, anda. As libretas do meu primo Gerardo, onde está rexistrada a historia certa da miña vila. A rúa Travesa, á que sempre chamamos Calle Traviesa, ese lugar onde nacín, crecín, descubrín algo parecido ao paraíso: os libros. Importa a liberdade. Importa non derrotarse. Altair, que rima con Nahir, a estrela máis brillante da constelación de Aquila. Umami, ese vocábulo que significa saboroso. Importan as palabras raras que escribo entre renglóns que son a miña biografía. Galicia, país das marabillas. Importan os adentros. Digo, os interiores. A beleza escrita no solpor e no abrente. Na música. En definitiva, importa seguir escribindo e que ti leas esta columna que redacto contra a tristeza. Só é feliz aquel que coñece as cousas que importan. A saúde. As persoas que amas. As persoas que te aman. E pouco máis.