Sufrimento, incertidume, esforzo e alivio

Félix Rubial XERENTE DA ÁREA SANITARIA

VERÍN

07 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis de tres anos despois daquel 11 de marzo do 2020, no que a Organización Mundial da Saúde declarara a situación de pandemia, este día 5 de maio do 2023 —curiosamente día mundial da hixiene de mans— decretouse oficialmente o fin da mesma, tras un período de intenso sufrimento, dolorosa incertidume, denodado esforzo e finalmente alivio previo á dura nova normalidade.

Seguro que todos e cada un dos traballadores da área sanitaria de Ourense, O Barco e Verín teñen vivencias persoais e profesionais que non esquecerán na vida, aínda que co paso do tempo, seguramente todos teñamos unha percepción de distancia tan grande como irreal.

Certo é que os últimos meses teñen sido ben distintos e ainda que a enfermidade convive con nós a diario, témola interiorizada persoal e profesionalmente, nas nosas rutinas e procesos.

Nos vindeiros días publicaranse balances, cifras e opinións diversas. Os datos non deixan de ser o indicador cuantitavo do traballo de todos os profesionais. Xa se sabe que tras cada cifra hai unha persoa, e tras cada persoa, un ou máis compañeiras e compañeiros que fixeron isto posible. Como fixeron isto posible todos e cada un dos que damos vida a esta área sanitaria; sen desalentar e asumindo o que ninguén chegaramos nin sequera sospeitar.

Sirva por tanto esta efemérides para volver facernos conscientes dos nosos méritos e dos nosos logros, agradecer a exemplar profesionalidade, e recoñecer a capacidade do noso equipo, do que me sinto cada día máis orgulloso.

Félix Rubial é o xerente da área sanitaria de Ourense, Valdeorras e Verín