Miguel Losada, etnógrafo: «Nas Xornadas de Novela Negra de Verín a realidade supera á ficción»

VERÍN

A vila do Támega reúne durante dous días a escritores e profesionais dedicados á investigacións de delitos
26 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A Biblioteca de Verín acolle mañá e o sábado a quinta edición das Xornada de Novela Negra. Un espazo único no que autores e profesionais relacionados co mundo da investigación de delitos comparten relatorios para discutir sobre a liña que separa a realidade da ficción. O etnógrafo e voluntario da biblioteca Miguel Losada participará nun deles.
—Vostede veu nacer as xornadas. Que significan para Verín?
—O efecto máis importante é o de facer un punto de inflexión social no que é a relación coa cultura. O feito de poder facer de Verín un punto quente da biodiversidade cultural de Galicia por dous días. Cumpre un papel moi positivo na cidadanía, que se ve a si mesma como protagonista dun evento de máxima calidade.
—Precisamente, a calidade dos relatores é indiscutible.
—É xente que en cada súa respectiva ocupación ou profesión é referente. Temos a sorte de ter en Verín a Fernando Serrulla e a grandes amigos da biblioteca como son o xuíz Vázquez Taín (coordinador das xornadas) ou ó escritor Pedro Feijoo. Procuramos que sexa xente experta no tema e que poda falar del dende dentro, dende as tripas.
—Unha das características das xornadas é que sempre mestura e fala dende a realidade e dende a ficción.
—Despois de cinco xornadas unha das conclusións ás que chegamos todos é que a realidade supera á ficción. Os novelistas veñen ás xornadas para coller información de primeira man dos profesionais. Para que Fernando Serrulla conte os pormenores do mundo da medicina forense ou para que Taín fale, ata onde pode, de situacións absolutamente novelescas que se dan na vida real. A realidade é moitas veces máis fecunda que a imaxinación dos autores.
—Os autores teñen a oportunidade de ter en dúas xornadas información moi útil para as súas obras.
—Moitas veces dicimos que as xornadas son como un seminario de como escribir novela negra. Aquí aprendemos todos. A como construír ese relato pero tamén para saber de onde pode nacer. Como dicía Cunqueiro ‘Para podelo inventar, tiven que sabelo primeiro'. Da tradición criminalista de Galicia é de onde mana a literatura de calidade e os contidos auténticos que é o que buscan os autores. Para non ter fallos ó mellor é vir a un seminario como este.
—A xente repite?
—Temos esa sorte. Unha continuidade para un sitio como Verín é moi importante, porque se converte nun momento nun centro cultural que moitas cidades quererían, non só de Galicia.
—Que aporta a biblioteca municipal ás xornadas de novela negra?
—O currículo da biblioteca é fantástico, leva ganado moitas veces o premio María Moliner de animación á lectura e ten participado e gañado concursos internacionais... A animación á lectura e o voluntariado son os programa estrela. Ó redor diso é de onde xurde isto. Os máis novos sempre están no centro de todo. É moi complicado que persoas que teñen moitas cousas que facer e actividades que atender decidan vir a Verín unha fin de semana a participar nas xornadas. Detrás diso ten que haber moito traballo.
—Como voluntario, moderará unha charla titulada «Ficción versus realidade: Falemos de crimes». Que pode avanzar?
—Estarán presentes Vázquez Taín Pedro Feijoo e Enrique León, este último ex comisario en León, verinés de pro e amigo da biblioteca. Nesa mesa redonda falaremos da conexión da realidade e a fantasía, ata que punto a realidade é fantástica. Son dous mundos que se atopan. Poderanse coñecer algunhas curiosidades de como nacen as novelas negras, da man de Pedro Feijoo, pero tamén ata que punto iso que presume de imaxinar igual é unha maneira de contar a realidade.