05 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Queridos Reis Magos: espero que ao recibo da presente esteades ben de saúde; nós, a Deus grazas, imos tirando. Sei que hoxe andades apurados e que esta noite tedes que multiplicar o voso traballo nas casas do mundo. Precisamente quero comezar por aí: oxalá todas as xentes do mundo teñan casa, e un traballo digno, e que non sexan explotadas, e que a liberdade, a igualdade e a fraternidade gobernen por riba do odio e os rancores. Tamén vos pido o Scalextric que nunca, nunca, deixastes no meu balcón. Este ano tamén quería cambiar o Pioneer onde escoito os discos de vinilo que aínda me acompañan; o vello Pioneer está maior (naceu en 1986) e precisa un cambio. Pido menos malhumor na política, aínda que sei que este agasallo será moi difícil, especialmente neste 2023 electoral. Pido humildade, e que muden a «lei do só si é si», porque semella un disparate maiúsculo: está poñendo na rúa ou rebaixando as penas de delincuentes desprezables (pregúntome que sucedería en España se esta lei estivese asinada por un goberno que non fose este Goberno). Pídovos «mirar el río hecho tiempo y agua/ y recordar que el tiempo es otro río», segundo Borges. Tamén quero pedir que decreza o número de insensibles, soberbios, vulgares, frívolos e outras especies comúns. Pido que as miñas tres mulleres poidan seguir soportándome. E saúde, sobre todas as cousas, porque sen saúde non poderei nin sequera escribirvos cartas. Pido unha camiseta de Pelé, eu, que sempre fun de Maradona. Un pano de lágrimas para que ninguén me mire chorar. Unha lágrima, para que caia na area. Un Peret que me cante. E alegría, queridos Reis. Este que vos quere. A 5 de xaneiro, dende Verín, cariñosamente.