Nadal, 15

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

Santi M. Amil

15 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando decembro avanza, cabalgando entre luces, un sofre considerables accesos de nostalxia. Volver a vista atrás resulta un costume nocivo. Principalmente nestas datas. Eu lembro o mozo que fun, ebrio de melancolías. A miña vida sempre foi un querer volver. A Verín, simplemente. En calquera lugar que estiven, ou estou, sempre veño ou vou para Verín. No Nadal, peor. Na casa agardaban por min para a matanza. As vacacións non chegaban ata o vinte e un ou vinte e dous, día da lotería. En Verín chámanlle o día da saúde. Tocouche a lotería? Non, o importante é ter saúde. E así camiñamos, de Nadal en Nadal e de melancolía en melancolía. Para min, decembro segue tendo recendo de tabaco. Sei que está prohibido pronunciarse publicamente en torno ao lado grato do tabaco. Porén, non podo negar a realidade. Decembro sábeme a cigarro rubio de contrabando. A un cuarto pequeno con moitos libros ao meu redor. Unha máquina de escribir, verde, Olivetti Studio 45. O ruído das teclas era diferente ao ruído do presente. Confeso que daquela, cando escribía con entusiasmo, da máquina de escribir saía música. E saía tamén un inconfundible recendo a tabaco que gardo no fondo da alma, ou da pel, onde perduran máis as sensacións felices. Curiosamente, un quince de decembro de 2005 aprobouse a lei antitabaco en España. Acotío lamento que nunca se aprobe unha lei contra as parvadas. E a miúdo, tamén, afirmo que os estúpidos (e as súas múltiples variantes frívolas, inanes, bastas) fan máis dano que o tabaco. Cousas miñas. Decembro. Digo que avanza o mes. Que todo pasa. E que non nos queda máis remedio que pasar. O Nadal (o neno Xesús) está petando na porta. Abramos. Sempre levamos un neno dentro.