Arantza Portabales: «Hai que ir narrando de tal xeito que vaia enganchando ao lector e que se implique»

x. m. r.

VERÍN

MARCOS MÍGUEZ

A escritora imparte a conferencia «Como se destrúe unha novela negra» dentro das Xornadas de Novela Negra de Verín

04 jun 2022 . Actualizado a las 09:27 h.

As Xornadas de Novela Negra de Verín viven o seu segundo e derradeiro día desta edición do 2022. O programa inclúe, entre outras propostas, a intervención da escritora Arantza Portabales, que estará acompañada na súa participación nas xornadas por Xosé Antón Vázquez Taín, coordinador das mesmas, e Inés García. Arantza Portabales (Donostia, 1973) é unha escritora en galego e castelán que comezou a súa carreira literaria no 2013, no xénero do microrrelato, e que publicou no 2015 a súa primeira novela: «Sobrevivindo» (Galaxia). O seu traballo ten sido recoñecido en varias convocatorias, do Premio de Novela Europea do Casino de Santiago ao de novela por entregas de La Voz de Galicia, e estará en Verín para impartir a conferencia «Como se destrúe unha novela».

—Construír ou destruír?

—Cando teño clara a historia que quero contar daquela é cando comeza o traballo de destrución. Hai que esnaquizalo todo e ver como tes que facer para ir narrando de tal xeito que vaia enganchando ao lector e que se implique para quedar enredado e que desexe coñecer máis.

—Funciona?

—Si. Hai xente que me manda correos as tantas da mañá para saber como segue a historia ou como remata. Ves que lles interesa e queren coñecer máis. O segredo está aí, en dosificar para atrapar ao lector.

—Ata coñecer o desenlace?

—Iso ás veces non é o fundamental. O importante é o camiño, reflexionar sobre o que vai pasando e como vai acontecendo... E tampouco hai que ir a propostas espectaculares; a vida cotiá e as súas situacións —vinganza, desexo, o que acontece arredor— son grandes fornecedores de argumentos e de historias literarias.

—En Galicia vai en aumento a atracción polo xénero?

—Cada vez hai un maior número de escritores galegos que fan novela negra porque está gustando moito. En xeral conta cun público bastante fiel e iso tamén vai xerando que se incorporen novos autores. É certo que se trata de algo xeral que está en auxe: eu percorro o país de convocatoria en convocatoria; que si Barcelona Negra, que si Pamplona, Alicante...

—As Xornadas tiveron un recordo para Domingo Villar.

—Queríalle moito á cita de Verín e sempre tiña eloxios para a mesma. É unha perda incrible, unha persoa tan nova e con tantas historias tan boas que aínda tiña por contar. Os que o coñecimos sempre o imos ter presente.