O aniversario

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

MONICA IRAGO

31 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Pensarán algúns que minorou o ánimo do meu primo Gerardo contra a internet. Despois do que contei o día 10 de xaneiro (columna titulada «A nube»), iso era o previsible. Pero non. Ao revés. A pesar de que a chuvia estragara moitas das libretas onde garda os seus tesouros, a súa batalla entusiasta contra o mundo da internet non decreceu un ápice. Nós seguimos insistindo nas bondades das redes sociais, da electrónica, dos avances telemáticos. Dicímoslle que a internet diminúe o tempo que el tarda en procurar información en enciclopedias, xornais, libros, revistas. El contesta que está xubilado e que ten tempo para todo. Aínda así, ultimamente parece menos anoxado coa internet. Ata accedeu a adentrarse no mundo das redes. Ten o seu Facebook, pero non emprega demasiado esta aplicación. E menos, despois do acontecido esta semana. A súa filla Araceli facilítalle instrucións para moverse nesa rede social. Cómo aceptar amigos, cómo sinalar que un comentario é do seu agrado ou desagrado, cómo responder a eses mesmos comentarios. De cando en vez colga algunhas fotos, todas referidas a Verín ou ao seu entroido. Gústanlle especialmente as imaxes relacionadas co Verín dos cincuenta ou sesenta, paisaxes humanas xa desaparecidas, rostros que recordar como un álbum de fotos perdido. Pero non se manexa no asunto das mensaxes. O luns apareceu na pantalla do seu móbil a cara dun coñecido de toda a vida, con globos e corazóns e felicidades. Cumpría setenta anos. O Gerardo non mirou a data da publicación e escribiu: «Espero que cumpras moitos máis. Feliz día do teu aniversario». O amigo contestou: «Grazas, pero foi hai un mes». O primo Gerardo non se leva ben coa internet.