Mariló 63

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

Santi M. Amil

24 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Naceu coa primavera. A Malucha di que foi a primeira flor do ano 1959. Na cuadrilla tamén o dicimos. E máis cando nos empeza a contar que el non viviu unha, senón tres vidas. A primeira, a súa infancia en Queirugás. A mestra era Mari Carmen Lovelle, que foi alcaldesa de Verín e senadora. Unha nenez intensa. Andaba polo monte, facendo as tarefas do campo naquel tempo gris, de escaseza. Alí viviu escenas que reflectían a dureza daqueles anos. Recorda cando a Socorro de Marbán estaba no monte co gando. Veu o lobo. A Socorro tiraba das patas da ovella e o lobo da cabeza. Cando a familia estaba no traballo, el quedaba encargado da cociña, con seis ou sete anos. Facía unha pota de patacas. Pedíalle sal á Guillermina e ela botaba nas súas mans a cantidade exacta que debía engadir na pota. Lembra as sopas de allo que facía Lola, a súa irmá, antes de ir traballar aos pinos. El levantábase ás seis da mañá para comelas. Sempre foi un larpeiro. Non había flan que chegase enteiro á hora do xantar. Que tempos, di o Paco Mariló. Despois, a emigración: a súa segunda vida, en Andorra. Sempre nos dixo que, de quedar alá, agora sería o alcalde de La Seu d'Urgell. Porén, o val de Monterrei tiraba das súas ansias. Como esquecer a primeira vez que foi ao cine coa Malucha? Proxectaban El lago azul no Oterino. O primeiro bico. As emocións. Había que volver. E volveron. A súa terceira vida está chea de felicidade: dous fillos marabillosos e dous netos, Daniela e Fran. Os amigos de sempre. As charlas. Os enfados do Juan Ramón. Nunca faltan unha canción ou un vaso. Tamén a frase repetida: «O viño bébeo calquera, o carano é dar sulfato». O gran Mariló cumpriu 63. Segue sendo un neno.