«A xente maior é moi participativa e ten moitas ganas de aprender, de coñecer sobre o que hai no seu redor»

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

VERÍN

Santi M. Amil

O profesor da USC, Alexandre Soutelino, é un dos organizadores das xornadas «Camiños de coñecemento e experiencia» que se celebra en Xinzo

09 abr 2021 . Actualizado a las 15:13 h.

A Casa Cultura de Xinzo de Limia acolle a partir de mañá as xornadas de formación para maiores de 50 anos que levan por título «Camiños de coñecemento e experiencia» da man da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Concello. O seminario xa pasou por Verín, con gran éxito de participación, e en próximas datas chegará a Laza e Bande con temáticas concretas para cada localidade. O profesor de Ciencias da Educación, Alexandre Soutelino, é un dos organizadores.

-Que se pretende con estas xornadas?

-O obxectivo principal é democratizar o coñecemento. Levar á universidade máis aló das paredes das facultades e dar unha oportunidade ós veciños que non poden ir. E para nós, para a Universidade, é importante porque nos empapamos da realidade do rural de Galicia. Achegamos o coñecemento técnico e teórico ás vilas e eles responden coa súa experiencia. Todos aprendemos.

-Como se adapta o temario?

-Cando falamos de democratización do coñecemento, tamén o facemos do discurso para chegar a un público cuns intereses que queren ampliar. Por iso toda aquela persoa que quere participar ten que saber que as temáticas están adaptadas e interesan a todo o mundo, como pode ser as vinculadas cos hábitos saudables ou as do patrimonio. Neste último caso é curioso xa que nós ofrecemos a parte máis artística ou de técnicas e eles, os alumnos, axúdannos ós profesores e á Universidade a aprender moitas cousas que descoñecemos sobre a historia dos lugares ou as lendas. O diálogo é moi importante.

-E a nivel de persoas, como é a participación?

-Se houbera máis prazas cubririamos todas. En Verín houbo lista de agarda e en Xinzo estamos a piques de pechar a inscrición, pódese facer ata este mesmo venres. A resposta está sendo boísima. Hai que pensar que esta é a primeira vez que se trae este programa formativo á provincia de Ourense, inda que xa leva unha traxectoria importante nas de A Coruña e Lugo. A resposta é inmellorable. No que impartimos en Verín os alumnos participaron de forma moi activa, incluso tivemos que amplialo unha hora e media máis porque non daba tempo a responder a todas as dúbidas. Había moito interese polos temas. A xente maior é moi participativa e ten moitas ganas de aprender, de coñecer o que ten ao seu redor e de compartir o que sabe. No caso de Xinzo visitaremos parte do seu patrimonio como A Pedra Alta de Antela ós Miliarios de Vilariño das Poldras.

-Polo que comenta, esta actividade podería repetirse en próximos anos.

-En Verín quedou xente fóra e en Xinzo a resposta está sendo moi boa. Era a primeira vez en Ourense e vemos que funciona.