A desolación

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

12 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante a pandemia propúxenme escribir columnas felices nesta parte de atrás, xoves por xoves, ata que o canto definitivo da vacina emitise acordes e vítores. Hoxe, e a pesar dos bos anuncios, non podo. Pido desculpas. Venceu a desolación. A tristeza. Non sei cómo será en calquera dos outros sesenta lugares. Pero aquí, en Verín, todo é gris. Tan escuro que nin os paxaros do mencer poden alegrarnos. Non se trata unicamente da ruína sanitaria (tanta dor), nin da ruína económica. Non é cuestión, tampouco, de números: nun mes as autoridades aseguran que serán mellores. É que se instalou por decreto a aflicción na miña vila. Xa nin o meu primo Gerardo, nin o Mariló, nin toda a cuadrilla gardan, no caixón da risa, cartuchos que disparen contra a melancolía. Confeso que o levamos mellor nos tres meses encerrados: había esperanza. Agora a esperanza non importa. Abrirán as portas da vida no Nadal e en xaneiro arribará a terceira onda, que seguramente será máis benévola que a segunda e moitísimo máis que a primeira. Pero a desolación, cando morde, deixa cicatrices. Non hai números que midan a tristeza. A chuvia amarela das árbores é un réquiem mentres paseo. Quito a máscara para respirar, tan só, tantas veces, tan afundido. Pregúntome se todo isto paga a pena. Un xa non sabe se é mellor caer nos dentes do virus ou entre as gadoupas, homicidas, da desolación. Sería mellor non falar dela. Os políticos ocúltana. Non aparece nas estatísticas. Non abren con ela os noticiarios. Pero a desolación existe. Avanza sobre as pedras da miña vila, entre a nada, entre os fíos dos días e das noites silentes. Somos espectros en vida. A desolación era isto. A desolación ganou. A tristeza.