A revista "National Geographic" fíxase no museo do Claustro Mercedario de Verín

La Voz OURENSE

VERÍN

Santi M. Amil

A publicación inclúe esta referencia sobre unha ampla reportaxe do enoturismo en Galicia

08 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando cumpre os seus primeiros tres anos e medio de vida, o museo do Claustro Mercedario de Verín acaba de ser incluído pola revista National Geographic nunha reportaxe especial de recomendacións de destinos para a tempada de outono na sección de Viajes National Geographic. Esta publicación destaca o museo coma un dos principais atractivos da comarca de Monterrei, xunto con bens culturais da categoría do castelo da acrópole ou da igrexa de Mixós.

 A mención, incluída nunha ampla reportaxe sobre o enoturismo en Galicia, destaca ao museo como unha parte máis "da riqueza cultural da comarca" que alberga contidos patrimoniais e divulgativos desta. A mención da revista pioneira na promoción de viaxes e experiencias en todo o mundo supón un recoñecemento da labor do museo, que actualmente permanece temporalmente pechado debido á situación sanitaria na vila, e que naceu precisamente para divulgar a identidade cultural da comarca de Verín.

 Concretamente, referíndose á comarca de Monterrei, National Gegraphic di: “A su riqueza cultural se suma la iglesia prerrománica de Mixós, la de la Merced junto a su convento cuyo claustro alberga un museo con historia y patrimonio de la comarca, la Casa del Escudo así como la de los Acevedo -que acogió un conocido encuentro entre Felipe El Hermoso y el Cardenal Cisneros-.”

Dende a súa apertura o 15 de marzo 2017, o Museo do Claustro Mercedario de Verín foi quen de abrir en Galicia un camiño innovador e sumamente eficaz para a divulgación patrimonial. Con máis de 27.000 visitantes, a utilización das modernas técnicas de interpretación patrimonial conseguiron crear dende a nada un dinamizador cultural para a comarca de Monterrei, capaz de articular dun xeito innovador a divulgación do patrimonio arqueolóxico, cultural e medioambiental do sur da provincia de Ourense.