«Mentres haxa demanda seguirá habendo narcotráfico»

VERÍN

VÍTOR MEJUTO

O excomisario da Policía Nacional en Vilagarcía Enrique León será o encargado de abrir as Xornadas de Novela Negra de Verín

23 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Auditorio de Verín acollerá na fin de semana unha nova edición das Xornadas de Novela Negra. Será os días 24 e 25 e polas sesións, que se centrarán en «Personaxes de novela», pasarán o forense e antropólogo Fernando Serrulla, o xuíz e escritor José Antonio Vázquez Taín e o escritor Pedro Feijoo Barreiro. O excomisario de Vilagarcía, Enrique León (Verín, 1944), será o encargado de abrir o programa coa intervención titulada «Do contrabando de tabaco ao tráfico de drogas en Galicia». Será este venres, ás 19.30 horas.

-Participación con valor engadido. Como valora a volta?

-Para min é unha auténtica satisfacción volver a casa. Levo cincoenta e tantos anos fóra de Verín, pero que me convidaran para esta iniciativa faime moita ilusión; é unha cita especial para min.

-Do tabaco ás drogas.

-Falarei da miña experiencia, do que sei e do que coñezo porque foi o traballo ao que adiquei a miña vida.

-Faise referencia na documentación a «Fariña». A serie marcou un punto de inflexión?

-Non. Xa había moita concienciación e xa se levaban facendo moitas cousas por parte de colectivos, forzas e corpos de seguridade e demais. Si que é certo que, en xeral, a serie conseguiu reflicitir a realidade daquel tempo e está ben porque recolle perfectamente o ambiente desta zona. Aínda que nestes casos sempre hai que ter unha especial sensibilidade co que se fai.

-Refírese a algún aspecto concreto?

-En serie de televisión, ou en películas, pódese caer no erro de transmitir a imaxe do protector da sociedade. Iso é un grave erro e aquí, en Galicia, nunca tal cousa existiu. Todo o contrario, o do narcotraficante que fai favores e lle paga o médico a non sei quen non existe.

-Da planeadora ao submarino. Mudou todo para non cambiar nada?

-Estamos sempre na mesma porque isto é unha cuestión de mercado, da lei da oferta e da demanda. Mentres haxa demanda, como pasa coa cocaína, seguirá habendo narcotráfico. Si que é certo que hai cousas que van cambiando, polo menos no que se refire ás formas ou comportamentos.

-Xa non se dan os excesos que aparecían en «Fariña»?

-Os narcotraficantes de agora non teñen nada que ver cos de antes. Andan escondidos e traballan disimuladamente, todo o contrario do que se facía antes. O medo é libre e ves cal pode ser o teu futuro. Miremos por exemplo o caso de Sito Miñanco -que é a referencia da serie e marcou unha época- e veremos que as dúas terceiras partes da súa vida as pasou en prisión. E o que lle queda! porque haberá unha nova condena pola recente operación na que o detiveron. E agora non é como antes, que pasaban uns cantos anos no cárcere, saían e tiñan todo o seu patrimonio para gozar del.

-Que fixo variar a situación?

-A raíz da Operación Nécora as cousas empezaron a mudar. E na actualidade o traballo que desenvolven as forzas e corpos de seguridade do Estado é impresionante. Tamén axudou o cambio de marco legal que permitiu, e iso vai no que dicía antes, a intervención de bens e xa non están agardando a que saías do cárcere os edificios, as mansións ou as plantacións de albariño. E as presións legais tamén deron o seu resultado, hoxe é difícil que existan contas en Suíza ou en paraísos fiscais.

-O do paso do tabaco á droga foi un mito ou unha realidade?

-Realidade perfectamente constatable. Algúns colleron medo e non pasaron á droga, outros seguiron pero xa empezou a estar mal visto este tipo de contrabando e outros deixáronno, directamente. E logo, obviamente, están os que pasaron a ser narcotraficantes.