Debe ser difícil

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

VERÍN

19 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Debe ser difícil estes días (probablemente moitos máis, pero estes especialmente) ser deputado do PP en Santiago. Sobre todo se un é de Ourense. Debe un durmir mal despois de botar abaixo a petición de que se reabra o paridoiro de Verín. Por moito que digan de boca para fóra, entendo que na conciencia dun pesa aínda que pese máis o salario. Entendo que debe ser difícil. Entendo que coas eleccións á volta da esquina, máis dun está pensando que mellor non cabrear ao xefe, non vai ser que non o queiran na próxima foto. Pero ollo, que igual algún salva así de que o quiten da lista, pero tamén é certo que se arrisca a que quen o quite (do Parlamento) sexan os ourensás. Que as eleccións están á volta. E cando toque volver de Compostela e pisar o rural -que moitos dos que chegan a Santiago, esquecen as vilas e só veñen case que de visita- que lle dirán aos veciños? Que eles conseguiron pechar o paridoiro? Debe ser difícil manter algúns discursos. Aínda que pensemos en positivo. Pensemos en que, agora si, hai pediatras que collen esas dúas prazas que convoca o Sergas e nas que se escuda Feijoo para dicir que, de cubrirse, reabrirá o paridoiro. Volven os partos ao hospital de Verín. Xenial. Marabilloso. Mais sempre quedará o pouso da mensaxe enviada de que, con poucos partos, os especialistas perden as mañas... Non cavilaron en Santiago do que estaban facendo. Ou tal vez si. Porque intentaron romper a confianza na sanidade pública. E xa se sabe que as cousas cando se rompen, ás veces pódense pegar, máis nunca volven ser as mesmas. Igual lles pasa tamén a algúns votantes. Debe ser difícil manter algúns discursos.