Pato e Romero, contra o olvido

Xosé C. Caneiro EL EQUILIBRISTA

VERÍN

18 dic 2019 . Actualizado a las 10:40 h.

Lonxe dos anuncios e boatos da cultura estandarizada e politicamente correcta, aparecen verdadeiros xenios que van tecendo como arañas, constantes e exactas, a verdadeira xeografía humana dun pobo. Fálase moito de pobos e escasamente do compoñente esencial dos pobos: as persoas de talento. Ou sexa, esas que se sitúan á avangarda ou nas marxes locomotoras dun lugar. Hoxe quero significar a dúas desas persoas singulares e proteicas. Dun deles, Enrique Gómez Pato, cúmprese estes días o corenta aniversario do seu óbito: Enrique Gómez Pato. Foi poeta talentoso, crítico, de aguda intelixencia. Recórdoo camiñando por Verín e depositando algún libro nas miñas mans, na Calle Traviesa ou na praza Maior. Afable, vertical nos andares, xeneroso. A súa familia e a miña eran veciñas. Chamábame Carlitos, porque todos en Verín me chamaron así ata que asinei o meu primeiro libro e cometín a torpeza de asinar como Xosé Carlos, eu que só era Carlitos. Pato escribía coplas cando escribir, dende a libre conciencia, case estaba prohibido. E era corresponsal de prensa. E viña de familia afiadora. E deixou un herdo que os verinenses temos o deber de arrincarlle o pó e a pátina molecular do esquecemento. Porque a figura de Pato debe revalorarse e edificar sobre ela o poder do popular (rural, en sentido estricto), do que non muda e permanece, do clásico. Verín, como todos os lugares, posúe clásicos inmorrentes. Pato é un deles. Para lembralo e recuperalo están artistas, de talento e credos fraternos, como Plácido Romero. Eu xa contemplei algún dos seus traballos, todos encamiñados a combater o olvido. A elevar a memoria das cousas que en verdade importan e están afastadas das actualidades e destes tempos cibernéticos: de redes sociais e vulgaridade. Por iso gravou Cesteando, unha oda á felicidade: iso me parece a min. A felicidade dun home que decidiu dedicar a súa vida ao vello oficio de cesteiro. Tamén filmou Traballo animal, porque en época de cambio climático, mesmo con ironía e liturxia, convén voltar a mirada á tracción de bóvidos e equinos. E agora anda o Plácido co Pato, tan necesario. Verín, e por extensión toda a provincia, debe contemplar con maior atención aos seres permanentes. Eles identifícannos e distínguenos. Eles vencen o olvido. O resto, como moitas palabras, é só silencio.