Verín, realidades e metáforas

Susana Rey EN LIÑA

VERÍN

Santi M. Amil

13 dic 2019 . Actualizado a las 15:34 h.

A centralización dos partos do Hospital Público de Verín no de Ourense é unha decisión valente, que ten en conta o criterio e a opinión, fundada e formada, do xefe de servizo de Xinecoloxía e Obstetricia, do de Pediatría e da totalidade de xinecólogos e pediatras da área sanitaria de Ourense, en sintonía co consenso das sociedades de obstetricia, pediatría e neonatoloxía, coincidentes coa postura da propia Sociedade Galega de Pediatría, da que son vogal por Ourense. Servizo no que me formei como especialista e tiven o orgullo de dirixir durante uns anos.

Pese á unanimidade dos profesionais neste tema, algo pouco habitual neste coma en calquera outro colectivo, vexo como, de día en día, esta decisión utilízase como metáfora negativa da nosa realidade demográfica ou de calquera outra, servindo tamén de escusa para atacar aos profesionais que deron un paso adiante para defendela. Non é de recibo. Coñezo persoalmente á maioría e tiven o privilexio de compartir horas de traballo e garda, e sei do seu compromiso e preocupación pola saúde e benestar dos nenos, e non me cabe ningunha dúbida que este é o único criterio que guía os seus pasos, nesta ou calquera outra decisión profesional.

Segundo as recomendacións de mínimos para a atención neonatal da Asociación Española de Pediatría e da de Neonatoloxía, unha unidade neonatal de coidados básicos, como a dun hospital comarcal como o de Verín, debería contar cuns requisitos técnico-sanitarios que pasan por contar cun pediatra responsable da asistencia ao neonato, asegurando a súa asistencia as 24 horas do día e os 7 días da semana, adestrado en reanimación neonatal inicial, ademais doutro profesional localizado, ou de resposta inmediata, para a reanimación neonatal completa. Neste mesmo documento, publicado en Anales de pediatría no 2013, ínstase a optar, sempre que sexa posible, polo transporte prenatal, indicado para reducir a morbimortalidade, sobre todo en determinadas enfermidades graves neonatais.

Ademais do devandito, hai que subliñar que, como recollen esta e outras publicacións, e como coñezo por experiencia, un elevado número dos nenos que requiren coidados intensivos neonatais proceden de embarazos e partos en principio sen factores de risco. Por iso, coincido na necesidade de que todos os niveis asistenciais perinatais deberían estar capacitados para identificar situacións de risco e prestar a asistencia requirida para estabilizar ao recentemente nado.

Lamentablemente parece que todo vale, e, como está a acontecer cos partos de Verín, cando unha decisión puramente clínica, baseada no coñecemento e a experiencia, na literatura científica, na evidencia, na practica diaria... non coincide coa opinión ou confortabilidade propia, directamente rexéitase sen argumentos, desacreditando incluso aos profesionais que a defenden e esgrimindo argumentos que parecían esquecidos, como «obrigar e impoñer» aos pediatras, baixo o paraugas dunha emocionalidade e un dereito á conciliación ao que parece que as e os pediatras, tamén nais e pais, non temos dereito.

Desde a miña experiencia e formación como pediatra e neonatóloga tanto as mulleres como os nenos de Verín gañarán en seguridade e calidade asistencial con esta medida, porque, coma case sempre en medicina, trátase de previr, de evitar riscos, de garantir a seguridade, e cando unha unidade de partos atende unha media dun parto cada seis días o risco, sempre presente, increméntase.