Vivo en Verín. Nacín en Verín. E hei de morrer en Verín unha tarde de nordés e sol, Monterrei no alto. En Verín naceron as miñas nenas. No hospital. Alí traballa algún dos meus amigos: xente profesional e honesta pola que, sen dubidalo, poría a man en calquera lume. Xente de aquí. Porque Verín converte en «xente de aquí» aos que teñen o pracer, como unha ofrenda, de coñecelo verdadeiramente. Verín de auga e viño, de río e castelo, de sabios maiores como Taboada Chivite e creadores audaces como Roberto Verino. Verín debía ser patrimonio da humanidade, non por tanta beleza, senón porque segue a ser humano en tempos de inhumanidade e frío. Os números son fríos. Verín, en números é tan pouca cousa que ata podería ser borrado do mapa. Pero Verín ten corazón. E ese corazón defende con rebeldía, e con causa, que as mulleres da comarca poidan parir aquí. Sei que as cifras son exiguas. Pero tamén sei que todo é resoluble. Os problemas resólvense con imaxinación. Eu, por desgraza, só teño imaxinación para escribir novelas e redactar quimeras. Gustaríame tela para definir o futuro sanitario desta terra. Porque ten que haber saídas, solucións, acordos. E hai que procurar ese horizonte. Sei que só un iluso pode pensar que as súas fillas van vivir aquí. Pero levo toda a miña vida sendo, libremente, un iluso. Por iso non expulso a esperanza de que o brillo e o fulgor residan para sempre en Verín, en amada Galicia. Por moito que intenten explicalo os xestores sanitarios será imposible que esta comarca asuma que un servizo «vital» que funciona, e que funcionou durante vintecinco anos, desapareza. Saídas, solucións, acordos. Imaxinación. É preciso rectificar. E só rectifican os sabios.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
58 votos
Comentarios

Verín