Outonear

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

26 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou o outono mainamente. Como unha caricia leve, case non sentida, ou consentida. Chegou o outono montado na gamela da nostalxia: volvendo atrás os ollos e encontrando tempos en que fomos felices. Ten o outono a melancolía como a teñen os escritores: idolatrada. Pero non fagamos caso aos escritores, que son fauna prescindible neste mundo de reality e redes sociais: a estupidez progresa adecuadamente. A outonía pode ser beneficiosa. Digo que cómpre ir vivindo día por día. Que facer plans a longo prazo é un erro evitable. Que á volta de calquera recanto agarda por ti a ventura. En Verín o recendo das rúas vai cambiando a medida que eu paseo coas mans nas costas. Só teñen valor os pensamentos paseados, dicía o atribulado Nietzsche. Eu, que non son Nietzsche, digo o mesmo. Hai unha parte de min que me empuxa en outono á tristeza. E digo non. Porque son home que reclama un estado permanente de alegría fronte ao estado de fracaso que encomiei antano. Todo mentira. Todo mentira, menos ti. Como cantaba Aute. Anoto, pois, as substancias que boto de menos este outono, este xoves, esta columna delicada a contracorrente de todas as actualidades. Boto de menos tapar a Marta e Concha todas as noites, principalmente. As cancións de Janis Joplin. A Antoxo, que era un grupo musical que tocaba cancións de palco e verbena na miña adolescencia. O bar Los amigos. Á tía Coca e á avoa Aracel, cabelo branco. A Herminia e Adelino. A mamá. Xogar no canellón co Sergito. A discoteca Nitons, onde cada noite era gozo e regozo. Boto de menos outonear máis a miúdo. Resulta que van pasando os anos. Resulta que cómpre ir vivindo día por día. Mirar atrás. Limpar as bágoas. E seguir.