«O 8 de marzo foi un punto de inflexión na loita das mulleres»

s. m. VERÍN / LA VOZ

VERÍN

ALBERTO LOPEZ

A exsecretaria xeral de Igualdade durante o goberno bipartito galego, Carme Adán, presenta o seu último libro en Verín hoxe

10 ene 2019 . Actualizado a las 13:59 h.

A exsecretaria xeral de Igualdade durante o goberno bipartito galego, Carme Adán (San Sebastián, 1966) é unha activa defensora dos dereitos da muller en Galicia. Presentará mañá, as 19.30 horas, na biblioteca de Verín o seu último libro: Feminicidio.

-Cando comenza o patriarcado e a violencia contra as mulleres?

-Estivo sempre aí. No meu libro explico que o patriarcado muda como unha plastilina. Adáptase aos cambios sociais, económicos e políticos. A violencia machista naceu para coartar a liberdade das mulleres. Esa é a clave.

-Que lle parecen os plantexamentos da extrema dereita sobre a violencia sexista?

-O que poida intentar Vox ou outros partidos de dereita é un risco, pero penso que non se pode volver aos termos violencia doméstica ou crime pasional. O feminismo é un movemento moi plural e transversal. Pode haber formacións que traten de retroceder nestes dereitos adquiridos pero creo a forza das mulleres é algo imparable. O negacionismo ou intentos reaccionarios de desmentir a realidade están condenados ao fracaso.

-Que supuxo a sentenza da manada e a mobilización do último 8 de marzo?

-Está claro que foi un punto de inflexión na loita das mulleres e mozas. Tratouse dun momento de non retorno. Foi un fito histórico que penso que vai repetirse este ano de novo. O 8 de marzo do 2018 supuxo visualizar que a batalla contra a violencia de xénero xa non ten marcha atrás. Debe quedar claro que non se pode culpabilizar das mulleres das agresión contra elas.

-Que papel xoga a educación nesta loita?

-É fundamental. Nestes intres hai dúas materias optativas sobre Igualdade de xénero e Coeducación no século XXI. Namentres, penso que é moi importante a vontade do profesorado e sobre todo a concienciación sobre esta problemática.

-E as redes sociais…?

-Son un instrumento que está aquí para quedarse, pero hai que ser conscientes de que poden ser un elemento perigoso. É estremecedor que un neno de 10 anos poida ver no seu móbil o no ordenador escenas de violencia e sexo moi fortes. Lamentablemente a día de hoxe, moitos adolescentes reciben a primeira formación afectivo sexual a través da pornografía nas redes. Iso é moi negativo, xa que esas imaxes deforman o sexo e crean e reforzan actitudes machistas e violentas. Habería que iniciar un debate serio sobre a regulación dalgúns contidos nas redes e en Internet.

-E o papel dos medios?

-Os medios deben informar con obxectividade e profesionalidade sobre cuestión como violacións ou asasinatos machistas. As veces, isto non ocorre e búscase o morbo. Iso non é informar. Non deberían darse determinados detalles sobre a vida ou as circunstancias de asasinatos de mulleres que non aportan nada sobre o feito ou a investigación.

A exsecretaria de Igualdade alerta sobre retroceso nas políticas de xénero.