O Concello de Verín licita a xestión do novo centro de día municipal para anciáns

La Voz VERÍN / LA VOZ

VERÍN

CEDIDA

O alcalde estima que a nova infraestrutura social xere cen postos de traballo

10 nov 2018 . Actualizado a las 13:45 h.

O Concello de Verín abriu o prazo de licitación para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas e participar no concurso para a contratación da xestión indirecta, do servizo de atención á terceira idade Centro de día municipal de Verín.

A data límite para a presentación das propostas será o 4 de decembro. Esta nova xestión concrétase en prestacións de asistencia sanitaria, atención xeriátrica-rehabilitadora e social, atención á saúde psicofísica así como socialización e participación.

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, destacou: «A creación do que é o primeiro centro de día de Verín e do futuro xeriatrico de Caldeliñas, do que se está a rematar o proceso de adquisición de terreos, suporán a creación duns 100 novos postos de traballo na vila, dentro do sector sociosanitario».

O valor estimado do contrato ascende a 4.129.920 euros e especifícase que o concesionario retribuirase exclusivamente coas tarifas abonadas polos usuarios do servizo.

Canon de explotación

O concesionario deberá abonar ao Concello de Verín, en concepto de canon pola explotación do servizo, unha cantidade non inferior a 20.000,00 € anuais e o prazo máximo de explotación do contrato será de 15 anos, dacordo co prego de condicións.

Ademais da proposición económica, os licitadores deberán incluír e xustificar na súa oferta o deseño do persoal que consideran adecuada para a realización de todos os traballos que abarca o contrato, especificando organigrama xeral, postos de traballo, funcións e categorías do persoal e a repercusión na creación de emprego así como un plan de mantemento das instalacións.