Máis de 1.200 obras, de todo o mundo, optan a participar no Festival de Curtas de Verín

La Voz OURENSE / LA VOZ

VERÍN

cedida

O FIC Vía XIV celebrarase do 1 ao 9 de decembro

14 oct 2018 . Actualizado a las 17:04 h.

O Festival Internacional de Curtas de Verín pechou o xoves o prazo de presentación de traballos e dende a organización do FIC Vía XIV anunciouse onte que eran 1.261 as curtametraxes presentadas á hora de rematar a convocatoria.

Agora será o equipo organizador o que afrontará o traballo de seleccionar as obras que mellor encaixen nas catro categorías nas que se divide o certame: Outra mirada, Horizontes, A Raia e Nova. Para participar na edición deste ano do certame, que se celebrará entre os días 1 e 9 en Verín, chegaron traballos de toda a península e de Brasil, Arxentina, Colombia, Perú, Venezuela, Sudáfrica, India, China, Xapón, Corea do Sur, Australia e Tailandia, entre outros.

 

Cartel de Aurora López Pérez

A organización do FIC Vía XIV deu a coñecer onte o cartel do festival de curtas. A obra é un deseño de Aurora López Pérez, natural de Albarellos de Monterrei, e a mesma aposta por unha «idea gráfica que sustenta a mirada do espectador». Segundo a autora a súa idea foi «involucrar ao que mira, ao que desfruta do cinema, cunha mirada que é global e feminina, porque neste 2018, o ano das mulleres, non podería ser doutro xeito».