«Haberá moita enerxía, emoción e ganas de que a xente o pase ben»

javier moro

VERÍN

XOAN CARLOS GIL

A artista Guadi Galego chega esta noite a Verín co seu espectáculo «O Mundo está parado»

15 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • 21.00 horas • Auditorio Municipal de Verín • 5 euros • A artista Guadi Galego chega esta noite a Verín co seu espectáculo «O Mundo está parado».

-Que achega aos veciños deste municipio ourensán?

-Son, sobre todo, temas de autora. Sobre o escenario haberá doce músicos, un trío de cordas, outro de vento, unha colaboración especial e unha banda base. Son as cancións da miña carreira en solitario, dos últimos catro anos. E tamén algún recordo de atrás. O importante é que haberá moita enerxía, emoción e ganas de que a xente o pase ben. Que os fans as canten e que os que non me coñecen veñan a gozar con nós. Hai moitos anos que non toco en Verín e faime moita ilusión. Imos con moitas gañas de cantar para a xente desta comarca.

-Como definiría a música que fai agora, o seu estilo?

-É música de autora, con tintes máis de pop que de folK. De tódolos xeitos, creo que estou un pouco alén dos xéneros. Hai que gozar coa música coa emoción que iso te leva.

-Como vive o directo, o feito de estar diante dun público?

-A min realmente dame un pouco igual actuar nun escenario grande ou pequeno. Os concentos en directo teñen que traspasar do palco ao público. Cada espectador é distinto e as sinerxías que xera o artista co público son fundamentais. Curiosamente estivemos en Viana do Bolo hai catro meses nun auditorio pequeno e alí creouse un dos ambientes máis fermosos desta esta xira, foi unha complicidade alucinante co público.

-De que maneira hai que gozar do seu concerto, escoitar as súas letras?

-As letras significan moito para moita xente. Sucedeu con «Matriarcas», que foi un tema que emociona ás mulleres. Outras que levan á reflexión e son máis evocadoras. O importante é pararse e tentar escoitar esas letras.