«?Melancolía? son as memorias dun home atormentado»

VERÍN

Miguel Villar

O psicólogo verinense autoeditou a súa novela, que procederá a presentar nos vindeiros días

19 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel López Cid (Verín, 1995) vén de autoeditar a súa primeira novela e nestes días anda a organizar as datas para a presentación da obra. No 2016 publicou un libro de poemas: «Tocábanos crecer» (Editorial Seleer). Licenciado en Psicoloxía, compatibiliza na actualidade a preparación das oposicións para pisólogo clínico co seu traballo nunha gasolineira. Recoñece que estas dúas facetas son pouco compatibles con pensar nun novo traballo literario.

-Por que ese cambio de rexistro?

-Realmente foi ao revés. Tiña amoreadas as historias que forman a novela «Melancolía» dende hai anos, levo escribindo dende que tiña 15, e como non me convencían as condicións que me prantexaban as editoriais decidín publicar primeiro o libro de poemas para probar.

-E daquela optou por autoeditarse?

-Si, pareceume que era a mellor opción. Neste tempo fun madurando a novela e considerei que chegara o momento de publicala.

-Que conta «Melancolía»?

-Son as memorias dun personaxe un pouco atormentado que fai un percorrido pola súa vida. Volve atrás, considérase un pobre diaño e fai un repaso das contas pendentes do pasado.

-Como distribúe a obra?

-Fixen unha tirada de 200 exemplares. En principio véndoos eu e tentarei ver de chegar a un acordo cos libreiros de Verín para vendela. E neste mes quero presentala.

-Traballa nalgún proxecto?

-Teño bastantes poemas e varias ideas de novelas novas, mais agora non teño tempo co das oposicións.