Caneiro, «filósofo da columna», presentou «O país das marabillas»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

VERÍN

CESAR QUIAN

O novo libro recolle unha escolma dos artigos semanais que o escritor de Verín publicou en La Voz de Galicia

29 may 2018 . Actualizado a las 12:55 h.

«‘Bailas?’. Contestou, ante a miña sorpresa: ‘Si’. (...) Acheguei os meus labios á súa orella. Reciteille algo de Neruda. Mireina. Miroume. Proclamei: ‘Que ollos máis lindos tes!’. Ela, impertérrita e distante, respondeu (literalmente): ‘Bueno, home, bueno, o importante é ter salú’. Era coma Brigitte Bardot. A beleza». Así remata unha das 60 columnas de Xosé Carlos Caneiro recollidas no libro O país das marabillas (Auga Editora), título extraído do que leva a sección na que o escritor publica os seus artigos cada xoves en La Voz de Galicia e que presentaba onte na Coruña, en Afundación. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que cualificou a Caneiro como «unha das voces con máis capacidade de Galicia e con máis premios», chanceou pedíndolle que algún día conte o que pasou despois de bailar con aquela muller na sala de festas Paulino do Carballiño.

A mesma columna foi unha das citadas por Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia, e asegurou que «cando no xornal alguén vai buscar sentimentos non debe deixar de buscar as columnas de Xosé Carlos Caneiro». Tamén lembrou que o libro está dedicado a Santiago Rey Fernández-Latorre -«o último gran editor de Galicia e de España», diría despois Caneiro- e a Carlos Casares.

Para a editora, Mercedes Pacheco, «estas 60 columnas están cheas de humor, pero hai moitísimo máis», en concreto, «aquí está reflectida a vida de Caneiro; este é un libro de Verín». Tanto para Pacheco como para Román Rodríguez, con estas columnas o escritor fai unha homenaxe á súa xente, á súa familia -«que retrata con moito cariño»- e á súa vila, «que é un pequeno Macondo», dicía o conselleiro: «Un lugar onde se vai reflectindo a realidade cunha fina retranca e fina ironía». E rematou Rodríguez, despois de que o escritor contara as súas diverxencias co seu psiquiatra, afirmando: «Estamos ante un filósofo da columna que ata se permite darlle consellos a un psiquiatra».

Caneiro explicou que o libro, o primeiro que recolle as súas columnas, tamén está dedicado a Carlos Casares, do que dixo que «fixo por este país e pola lingua galega máis que tódalas campañas de normalización lingüística»; contou tamén a intrahistoria dalgunhas das columnas e autodefiniuse como «católico, provinciano, politicamente incorrecto e conservador».