Moito máis que unha festa

Sustinea fai un repaso ao significado dunha das citas máis arraigadas na provincia

.

sustinea

Chega febreiro e con el o meco, o momo, o lardeiro, o compadre, o entroido... Ese deus trapalleiro e pagán, que nos leva cara un aire de liberdade nunha sociedade rexida polas normas, os convencionalismos e as modas. Cando pensamos no entroido automaticamente o noso circuíto neuronal infire o significado dunha serie de verbas que, sen dúbida, serían as máis axeitadas para definir o que esta festa popular de orixe medieval implicou, implica e implicará para a sociedade ourensá: esmorga, liberdade de expresión, crítica ao poder establecido... En definitiva, unha paréntese nas crenzas e valores impostos a través da troula e da énfase dos prexuízos e dos excesos. Unha festividade de cementos ideolóxicos tan fortes que, mesmo sendo de orixe pagá, foi quen de sobrevivir ao paso do tempo e ás presións da censura. Aínda que na modernidade a festa do entroido derivou máis nun acto social lúdico, a súa versión máis tradicional tiña, fundamentalmente, unha función didáctica. Unha versión da que aínda podemos gozar cos folións e as mázcaras de Manzaneda, os peliqueiros de Laza, as pantallas de Xinzo, os cigarróns de Verín... Cada espectáculo coas súas particularidades, pero todos eles con elementos comúns.

O «pecado» da luxuria pode verse reflectido na tensión sexual canalizada cara a ironía e os dobres sentidos. Os bailes, as regueifas, o xoves de compadres e comadres, o xogo do oleiro... Enfrontamentos simbólicos que xogan coa atracción e o rexeitamento de «animaliños en celo». Sen esquecer os excesos no campo culinario, sendo grandes protagonistas o porco, os doces (filloas, orellas, flores, bica...) e o alcol, quedando o «pecado» da gula tamén representado. Feitos canto menos irónicos, tendo en conta que o entroido sinala o inicio da coresma, na cal este tipo de prácticas se consideran pecaminosas en demasía. A vestimenta estrafalaria e rechamangueira, enfocada claramente como unha crítica cara a preocupación do aspecto externo, é outro dos trazos a sinalar desta festividade. Nesta liña podemos sinalar o uso das máscaras, cuxo significado semella unha intención de esconder a faciana coñecida polo colectivo e transformarse en persoas diferentes.

Elementos comúns que buscan expresar os ideais do entroido a través da representación da «besta» humana, do seu lado máis primario, da inclinación carnal, da esencia máis animal do ser humano. As chocas, as peles, os cornos, ilustracións dos propios animais ou outros elementos anatómicos dos mesmos, son os símbolos máis habituais do mundo animal neste tipo de vestimentas.

Os animais máis representados acostuman ser os leóns, os tigres, os osos, os lobos, os raposos, os linces, os cervos... especies cuxa bioloxía parece espertar no ser humano desexos de «animalizar» a súa vida e borrar así as preocupacións culturais infundadas.

O entroido dos animais

Pero... e se imos máis alá e pensamos nunha posible correlación entre o comportamento destes animais e o do ser humano no entroido? Xa no século XIX, o compositor romántico francés Camile Saint-Saëns, considerou que a combinación da fauna e desta festa serían os ingredientes perfectos para unha receita de éxito, coa súa obra Le Carnaval des Animaux. No zoolóxico ilustrado das vestimentas e os costumes carnavalescos ourensáns podemos atopar dous dos representantes máis queridos e odiados nesta nosa terra: o lobo e o raposo. Os machos e as femias saen pola noite, coas súas mellores e máis estrafalarias galas, a percorrer os rueiros na caza da presa que mellor satisfaga o seu apetito. Moitos e moitas carnívoras, decántanse por unha cachucha ou uns chourizos. Os de padal máis doce, prefiren unhas filloas, unhas orellas... ou, incluso, unhas flores de entroido. E aqueles e aquelas máis ambiciosas, proban un pouco de todo, por gula ou porque son un saco sen fondo. Sempre, claro está, acompañado dunha boa cunca de viño para baixar o bolo.

Pero, entre petisco e petisco, baixo a figura prominente destes totémicos animais a verdadeira cacería diríxese cara a figura opresora daqueles e daquelas que pretenden calar as ansias dos que promoven as liberdades. Así pois, en manda, seguindo ao mozo ou á moza alfa, van sinalando o territorio a través dos cánticos e das representacións subversivas, chamando á rebelión do pobo e satirizando a todo aquel e aquela que intenten privarnos dos nosos dereitos. E se queda un anaco libre despois de cada reivindicación, lobos e raposos, lobas e raposas, deixarán que a luxuria se apodere deles, dando renda a un cortexo colectivo, no que aqueles e aquelas que desprendan unha maior sabedoría e forza para protexer ao resto do clan serán os/as que acaden un maior éxito, incluso de índole reprodutiva.

Noites nas que a liberdade de expresión, o esquecemento dos prexuízos e os excesos culinarios tentan ser os protagonistas dunha tradición que vai moito máis alá da troula pagá. Uns patróns que sinalan a natureza máis animal ou pura do ser humano, coa retranca e os dobres sentidos que caracterizan o humor galego. E así o intentamos transmitir con estas verbas, pois todo o que podemos aprender dos nosos costumes, só se pode discernir a través da metáfora, da ironía e entendendo as orixes da nosa conduta.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Moito máis que unha festa