«O clientelismo funciona moi ben nos gobernos de dereitas e de esquerdas»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

VERÍN

CEDIDA

Moitos cidadáns tratan de solucionar os seus problemas «rendendo pleitesía», di José Manuel Pantín

10 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde Chile, onde ten agora a súa residencia temporal, José Manuel Pantín Morado (Miño, A Coruña, 1987), explica que en España existen poucos traballos científicos sobre a influenza do clientelismo na política e decidiu dedicar a súa tese doutoral ao estudo de Votos por favores: el clientelismo político en la actualidad. Estudios de caso en la Galicia rural. «Pensei que aí había unha oportunidade porque hai moitos casos en España e especialmente en Galicia», di.

-¿Por que cre que este fenómeno ten unha especial intensidade en Galicia?

-En Galicia temos unha situación especial co clientelismo, que tradicionalmente chamamos caciquismo. A lóxica en parte é un pouco a mesma e foise adaptando cos tempos, coa democracia e a nova estrutura institucional. En Galicia nas eleccións locais os vínculos clientelares teñen moito que dicir para decidir o voto.

-¿É esa a conclusión do seu traballo, que os favores condicionan de forma determinante a elección dos alcaldes?

-Si, non se trataba tanto de saber se existe ou non existe o clientelismo en Galicia, que está claro que se correlaciona cunha especial intensidade coas eleccións municipais, onde o contacto dos rexedores cos cidadáns é máis próximo. O clientelismo necesita vínculos persoais tanto para pedir un favor como para que o propio político coñeza aos seus votantes, cales son as súas necesidades e incluso quen vota a cadaquén, que é a característica principal do clientelismo. Precisamente por iso funciona tan ben no ámbito rural. Así o alcalde pode seleccionar a quen apoia ou a quen exclúe das políticas públicas. É unha maquinaria moi poderosa de captación de voto.

-Existe a percepción de que en Ourense o clientelismo funciona especialmente ben. ¿É por ese entorno rural do que fala?

-Sen dúbida é unha característica que axuda a manter forte o clientelismo. Se Ourense tivera unha capital da forza de Vigo, Bilbao ou Valencia, non funcionarían tan ben as redes clientelares. Ademais existe unha implantación histórica na provincia de determinadas familias que sen dúbida explica porque en Ourense sigue tan forte o clientelismo.

-¿Sería comprensible noutro territorio que a presidencia da Deputación pase de pai a fillo?

-En Ourense a Deputación Provincial historicamente estivo ao servizo dos concellos non soamente do partido de goberno, senón aos concellos que dentro do partido apoian ao goberno da Deputación. Por iso nunca compensa ir en contra deles. Nunca houbo alternativa; houbo unha tentativa do alcalde de Verín e foi imposible facer fronte á maquinaria e á multitude de favores que repartiran desde a institución así como por todas as políticas públicas que o pai dirixiu cara iso comprando lealdades. Así, cando chega a hora da verdade, é imposible loitar contra iso.

-Ademais de quen ofrece favores, ¿non ten tamén parte de culpa quen os pide?

-Moitas veces os políticos, unha vez que chegan ao cargo, atopan unha cidadanía que lles reclama favores particulares. Está inserto na cultura política. Moitos cidadáns a única forma que entenden para fuxir dos seus problemas individuais é render pleitesía a un político que lles poida axudar.

-Este fenómeno non é exclusivo da dereita. Tamén funciona o clientelismo nos partidos de esquerda. ¿Non é certo?

-Si, desde logo a política comparada demostra que o clientelismo non ten un corte ideolóxico. Pode funcionar moi ben tanto nos gobernos de dereitas como nos de esquerdas.