«A vida é un constante tecer e as experiencias fannos cambiar de actitude»

edith filgueira OURENSE / LA VOZ

VERÍN

Álvaro Vaquero

O director do documental «Cesteando» estará en Verín para un coloquio despois da proxección do seu traballo

28 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Eu trato de facer varias lecturas, non soamente a referida á vida do protagonista. Ao termo ‘cesteando’ doulle un carácter alegórico, entendendo que a vida é un constante tecer, e as experiencias fannos cambiar de actitude, inflúen na toma de decisións e no noso futuro», argumenta Plácido Romero sobre o documental Cesteando que está a piques de proxectarse en Verín, o lugar que o viu nacer. Trátase dun filme de sesenta minutos que recolle a profesión e traxectoria de vida de Toño do Val, o cesteiro coa maior colección de cestería do noroeste peninsular.

Protagonista e director coñecéronse hai varios anos, cando ambos vivían en Lobeira. «Toño é un personaxe literario e a longametraxe ten a súas notas de humor e de reflexión sobre a situación do rural» conta Romero. «Quixen poñer de manifesto tamén o que é a realidade social de Galicia desde os anos sesenta ata actualidade e a desigualdade que se xera cando o mundo rural é abandonado a súa sorte e se crea un desmembramento brutal. A xente do campo ten unhas posibilidades de atención a nivel sanitario, administrativo, económico e educativo moito menores que aqueles que viven no mundo urbano. Así que para min o pano de fondo é o despoboamento», engade.

«O protagonista é un personaxe culto que estudou na Coruña pero que nun momento determinado decidiu romper con todo iso, coa agonía do urbano, e volver ao mundo rural cando xa se estaba convertendo nun esqueleto. Pasou por unha etapa difícil de autoabastecemento e creou, xunto con máis xente, a súa propia utopía en Lobeira. E de todos os que se instalaron alí cunha idea hippy o único que permanece a día de hoxe é el», desvela sobre o filme o director.

Sen grandes pretensións intelectuais, Cesteando ofrece un punto de vista histórico en calquera dos seus ángulos. Seica poida ter isto algo que ver con que Romero fose durante anos mestre de instituto. «Cando traballaba como docente de Historia lembro ter lido nalgunha ocasión sobre o despoboamento en termos de xenocidio cultural, porque se abandona a cultura, e xenocidio social, porque se deixa á xente que vive no campo sen protección ou planificación algunha», lembra.

O documental fraguouse ao longo de 2015 coas visitas do cineasta á casa deste peculiar cesteiro, co quen fixera anteriormente un vídeo de carácter didáctico en 1995. «Partindo desa idea intentei facer un traballo máis serio e amplo sobre como é o oficio de Toño. Oficio que, por desgraza, está en extinción».

Sobre a inmersión no mundo do audiovisual deste mestre de instituto, el mesmo salienta que foi outro profesor, José Luis Darriba, o que o introduciu no sétimo arte. «Nos anos noventa existían varios grupos de traballo que pretendían introducir o audiovisual nas aulas cun carácter didáctico e nesa época a Administración colaboraba bastante e estaba moi interesada en desenrolar esa vía que parecía efectiva, aínda que despois comezou a tirarse máis pola informática», conta Romero.

Despois da súa estrea en xaneiro de 2016, a película proxectarase hoxe por fin en Verín. Será na aula de cultura do Concello, ás 19.30 horas, no que é o primeiro pase do documental no lugar de nacemento do director e contará coa súa presenza e a do cesteiro Toño do Val.