«Dasairas é un produto típico de don Xesús»

mar gil OURENSE / LA VOZ

VERÍN

MIGUEL VILLAR

O docente e investigador Xerardo Dasairas considera un privilexio ser alumno de Taboada Chivite

27 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xerardo Dasairas Valsa (Verín, 1953) a historia persoal mistúraselle, coa maleabilidade da plastilina, con esoutra historia que lle é tan querida: a da bisbarra de Monterrei. O repaso da súa vida académica convértese, sen querelo, nun percorrido pola realidade educativa de Verín no último medio século. Sentado no despacho de Cesáreo Losada (Castrelo do Val, 1940) -avogado e profesor na Academia Verinense, que dirixía o mestre e etnógrafo Xesús Taboada Chivite-, o tamén docente e investigador Xerardo Dasairas navega con desenvoltura e precisión entre datas, espazos e emocións.

«A Academia Verinense fundouse en 1919 como Liceo Politécnico. Na miña época había as escolas públicas, que eran miserables; as das monxas para as nenas e, para os nenos, La Salle. Pero ningún deses centros preparaba ensino medio, só a Academia de D. Xesús». E a Academia, asegura Cesáreo ante a aquiescencia do seu exalumno, era, sobre todo, liberdade: «Era un sitio para aprender liberdade. En Verín tiña mala fama, de gamberros, pero eran gamberradas sen mal ningún. En xeral eran bos rapaces e, en concreto, Xerardo era moi reflexivo, moi espabilado e tamén formal».

Dasairas salienta o carácter mixto do centro, o gran abano de idades entre os alumnos e a preparación dos profesores: «Todos tiñan carreira e outros traballos. Cesáreo era avogado e dábanos Latín, Grego, Historia, Literatura… cousas de letras. El tiña unha forma diferente de explicar as cousas, nas súas clases había momentos para as súas paixóns: o contexto histórico, a análise de películas…».

Naquela mítica academia de Verín destacaba a figura de Taboada Chivite. «A min tíñame tutelado -lembra Xerardo-; estaba sempre detrás, falaba cos meus pais diariamente». «É que Dasairas é un produto típico de don Xesús -sentencia Losada-; é deses alumnos que ven unha pedra e mírana dunha maneira diferente. Dedícase ao que se dedica porque no noso entorno quedou un baleiro ao faltar don Xesús. Eu mesmo, se estudei, foi por el. Don Xesús era así; se lle vía futuro a un estudante, preocupábase del». «Foi un privilexio telo de mestre e de titor», recoñece Dasairas.

Pero antes de atoparse co fito de Taboada Chivite, o pequeno Xerardo fartouse de chorar nas monxas do Amor de Dios: «Aguantei alí dous días. Non quería ir, así que leváronme á Academia Verinense con dona Maruja, irmá de D. Xesús, coa que aprendín a ler. Despois pasei coa outra irmá, dona Encarna. Nas súas clases, os nenos faciamos contas e as nenas bordaban!». Unha fidedigna estampa daquela sociedade, subliña. «Aos 6 anos empecei primaria no colexio La Salle. Aquilo foi duro. Era un ensino moi ríxido e moi condicionado pola relixión. Se eras capaz de seguir aquela disciplina, é certo que había bos profesores nalgunhas materias. Cando me tocou facer o Ingreso, con 11 anos, La Salle montou un centro de Formación Profesional e eu fixeni 2 cursos. Non me arrepinto porque na casa arranxo de todo! -ri-. Aprendín a soldar, algo de fontanería, circuítos eléctricos, carpintería…».

Despois do Ingreso, regresou á súa Academia da primeira infancia, pero para cursar os 4 anos de bacharelato e preparar a reválida, da que se examinou, como era habitual, no instituto do Posío. Nese momento fronteira da reválida, a familia Dasairas Valsa enfrontouse a un pulso que rematou con Xerardo nos Salesianos de Ourense: «A miña nai fixera o bacharelato e era republicana, tiña obsesión pola cultura e quería que eu seguise estudando. O meu pai, que tiña unha imprenta, necesitaba brazos na empresa e prefería que empezase a traballar».

Gañou o equipo materno, que se asegurou de poñer quilómetros por medio matriculando a Xerardo nos Salesianos. Pero non lle gustou o ambiente e, tras un enfrontamento cun dos curas, regresou extemporaneamente a Verín: «Era setembro e a Academia Verinense xa estaba desfeita; fun a clases nas casas de varios exprofesores do centro e, a finais de febreiro, marchei a Barcelona, onde tiña uns tíos».

«Cesáreo tiña un estilo diferente como profesor. Nas súas clases había tempo para marcar os contextos históricos e para analizar películas»

«Xerardo era un rapaz moi espabilado e, ademais, era moi reflexivo e moi formal; era un bo estudante con moito interese»

«Barcelona era outro mundo»

En Barcelona rematou Dasairas bacharelato e o COU. Aquel era outro mundo: «Alucinei» Unha vez por semana iamos a sesións didácticas de teatro e esmiuzabamos a Ibsen cos actores; escoitabamos música clásica no Palau, as clases eran charlas e debates… Aquilo era Europa!».

Esa cidade, ben alongada da Galicia que deixara atrás, foi o seu mundo entre 1971 e 1974. Ademais de estudar na Institución Pitman, onde un profesor lle descubriu a Castelao -«aí reconvertinme»-, Dasairas tivo tempo de tentar corrixir o rumbo do Centro Galego, apoiando a candidatura de Basilio Losada para que «aquilo deixase de ser un lugar de timbas e funcionase como unha embaixada de Galicia apoiando os nosos emigrantes».

Volta á terra

A enfermidade do pai devolveuno á terra e encamiñouno cara ao Maxisterio, «o único que había en Ourense». Foi innovador escollendo a especialidade en inglés: «Eramos 8 fronte a 600 de francés», recorda Xerardo Dasairas Valsa.