«Os autores e as obras da mostra son todos imaxinados»

VERÍN

MIGUEL VILLAR

O artista amosa o proxecto «Libros que nunca se escribieron», unha iniciativa entre o suspense e a literatura

15 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O artista Rosendo Cid (Ourense, 1974) amosa dende o venres o seu novo proxecto creativo na galería Vai Vai Mr Can (Doutor Marañón, 17). Ata o vindeiro 25 de novembro poderase ver neste espazo a proposta «Libros que nunca se escribieron». Cid proponlle ao espectador un conxunto de obras imaxinarias, de moi variados creadores e cun amplo abano de xéneros.

-Como nace a exposición?

-Patricia (Joga) fíxome a proposta para crear unha exposición para este espazo. E decidín facer un proxecto -metade deseño, metade literatura- para a galería.

-A obra fíxose para o espazo?

-Si. Como se trata dun lugar cunhas condicións singulares pois o que fixen foi desenvolver unha iniciativa para esta zona de exposicións.

-Daquela non se poderá ver noutros lugares?

-En principio estará aquí ata o día 25 e logo quedarán na galería as postais e algunha obra á venda.

-Que propoñen ao espectador os seus libros?

-O visitante vaise atopar cunha colección de libros imaxinarios. Na galería están as vinte obras cos seus títulos e unha pequena sipnose que resume cada un dos exemplares. Nas postais pode ver a cuberta e contracuberta, onde figura o resumo do libro. Todos son inventados, todo é falso.

-Nomes e historias corresponden a algunha experiencia ou a referencias concretas?

-Non. Os autores foron creados por min, son homes e mulleres que convertín en protagonistas literarios. E os contidos ofrecen unha ampla variedade temática. Na exposición hai novela, poesía, pensamento, novela negra... un pouco de todo. Temos dende aventura a reflexión: o máis variado posible e cunha ampla temática. E non parten da experiencia previa ou de episodios coñecidos.

-Os libros que nunca existiron camiñan daquela entre a realidade figurada e a arte?

-Hai un poco de todo. Temos suspense e literatura. Simulación e unha proposta híbrida: hai «collages», fotografía e moito máis. A proposta invita ao espectador a camiñar entre eses mundos.

-Nas últimas semanas apareceu en varias iniciativas. En que proxectos está na actualidade?

-Participo nunha colectiva en Lalín, tamén na mostra dunha galería de Vigo e nalgún certame por aí. E estou co libro autoeditado «Eduardo Torres. El hombre que rayaba periódicos». E preparando outro coa Galería Circular, de Allariz.

-Cal é esa iniciativa?

-Traballamos para presentar proximamente unha obra que se vai titular «5.000 veces pintura». Como o seu propio nome indica, o contido da mesma son cinco mil referencias, citas, frases, etcétera, nas que se fai referencia á arte ou á actividade creativa. Serán 5.000 reflexións artísticas. É un proxecto para presentar en pouco tempo.