«Escribir é algo que me fai sentir ben, pero non aspiro a vivir desto»

Fina Ulloa
fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

VERÍN

santi m. amil

Con 21 anos acaba de publicar o seu primeiro libro de relatos curtos

05 sep 2016 . Actualizado a las 13:06 h.

Que un mozo de 21 anos teña xa un libro publicado non é algo común. De feito, seguramente cando de pequeno lle preguntaban qué quería ser de maior e respondía que futbolista, Manuel López non pensaba que algún día presentaría fronte ós seus veciños unha obra cos seus relatos. Pero o certo é que así sucedeu o pasado venres na biblioteca de Verín. O seu libro de relatos curtos Tocábanos crecer, da editorial Seleer, xa é unha realidade tanto en papel como en formato electrónico.

-¿Como xurdiu a posibilidade de esta publicación?

-O certo é que xa hai bastantes anos que tiña esa ilusión de algún día ter algo publicado. E un día se me ocorreu buscar unha editorial por Internet e enviarlle os relatos por PDF. Non tiña moitas esperanzas. Un ano antes enviara un relato a un concurso e non o seleccionaran para os premios. Pero o caso é que a editorial contestoume e aquí está.

-¿Hai un fío condutor nos 63 relatos que compila o libro?

-En realidade son independentes, disociables entre si, pero no fondo todos falan de sentimentos, é como se fose unha novela de amor entre comiñas, porque a maioría van sobre algunha forma de relación do ser humano marcada por ese sentimento. Pero nun sentido amplo. Por exemplo hai un par deles que fixen para as miñas avoas.

-¿Dende cando escrebe?

-En realidade empecei a collerlle o gusto no colexio. Creo que o primeiro que fixen foi en Primaria, con dez anos. Era o típico traballo que che piden na escola. Mandáronnos facer un relato curto dunha cariña e lembro que escribira sobre un rapaz en cadeira de rodas que gañara unha carreira. Ó profesor elixira uns cantos e parece que lle gustou porque tamén o incluíu para saír na revista do colexio. Pero cando empecei máis claramente foi en bachiller. En primeiro tiñamos a materia das TICs, que era informática basicamente, e creamos un blog que era o instrumento principal da asignatura, pero aparte das actividades que tiñamos que facer, despois podías aportar outras cousas. Había quen compartía música, por exemplo, e eu empecei a escribir algún artigo.

-¿E como é que non elixiu para a súa formación profesional letras en lugar de ciencias?

-É que, aínda que me facía ilusión, en realidade nunca tiven o obxectivo de escribir para publicar. É máis como unha necesidade. É como saír a correr: cando volves estás máis relaxado; ou como cando tes sede e sentes esa necesidade; cando bebes, sénteste mellor. Escribir é algo que fago porque me fai sentir ben, pero non aspiro a vivir desto, nin moito menos. Eu elixín bacharelato de saúde porque era o que me daba máis amplitude á hora de elixir, e ó acabar primeiro xa tiña claro que quería facer Psicoloxía. Gustaríame traballar na vertente clínica, pero veremos.

-¿Quen o animou a publicar?

-A verdade é que os meus amigos algunha vez me comentaron que debería facelo e dicíanme que lles gustaba o que ía publicando no Facebook, por exemplo. Pero claro, eles son os meus amigos, e os amigos é o que teñen... que sempre te animan porque saben que tes esa ilusión. Como a miña familia. Meus pais, miñas primas ou miña madriña están agora case máis ilusionados que eu. O certo é que non lles dixen nada antes de saber a resposta da editorial. Por se acaso me contestaban que non interesaba.

«Aínda que puidera, pensaríao antes de pagar para editar»

O custo da composición, publicación e distribución do libro corre por conta da editorial. «Eu obviamente non teño ingresos e non podería pagalo, pero aínda que puidera, penso que o pensaría antes de pagar para editar un libro meu. É un gasto bastante elevado», opina este mozo verinés que percibirá unha pequena porcentaxe das ventas. Algo que tamén lle sorprendeu cando lle mandaron as condicións do contrato. «Mandeillo á miña irmá, que está estudando Empresariais, para que me dixera que lle parecía; e por certo que foi a primeira noticia que tivo de que ía publicar, porque non lle comentara antes nada», lembra. Manuel López di que o percorrido que teña o libro non lle influirá no seu gusto por escribir. «Eu seguirei tendo esa necesidade; porque o que sei é que non me vou facer rico con isto»

DNI. Afeccións.

quen é

DNI. Manuel López Cid naceu en Verín en 1995. Estuda Psicoloxía en Santiago -este ano iniciará o cuarto curso- e esta semana publicou o seu primeiro libro de relatos curtos.

Afeccións. Gústalle ler, pero fuxe das temáticas fantásticas e prefire historias realistas. Bukowski e Fante son dous dos seus autores predilectos. Tamén goza saíndo a correr, aínda que nese ámbito deportivo, o fútbol é a súa verdadeira paixón. Xogou bastantes anos e confésase fanático do Madrid. Compartir tempo cos amigos, o cine e a música -toca a guitarra «pero pouco, aprendín algo por Youtube», confesa- completan as súas preferencias para o tempo de ocio.