«Eu era o raro do fondo da clase»

mar gil OURENSE / LA VOZ

TRASMIRAS

Miguel Villar

06 feb 2014 . Actualizado a las 15:53 h.

«Cando o vin souben que aí estaba encerrado un xenio». Isaac Alonso Estraviz, o home que escribiu un diccionario pero tamén lidiou nas aulas con rapazolos dispostos a poñer a proba a súa paciencia, fala con esa contundencia de Miguel Robledo, un ilustrador consolidado que aínda mantén a timidez do mozo de 16 anos que se sentaba na derradeira fila das aulas de BUP no Otero Pedrayo.

Mediaban os anos oitenta e o profesor Estraviz (Trasmiras, 1935) xa lle dera moitas voltas á vida, dende a Vila Seca natal ó sacerdocio e dende Oseira á investigación lexicográfica. Na senlleira biblioteca do instituto do Posío reúnese de novo co antigo alumno, a quen amosa dúas xoias: os libros do Padre Feijoo que el mesmo conseguiu para o centro e o primeiro número da revista que o departamento de Lingua impulsou en 1988. Todo un fito para Robledo.

«Eu daba clases aquí de literatura e lingua galegas. Estando coas cantigas medievais, organicei grupos para que fixesen actividades, como teatralizalas. Unha das veces -di Isaac tocando a Miguel- vin que este señor estaba no fondo da aula deseña que te deseña, pero non se integraba. O que facía era banda deseñada. Conseguín que se integrara nun grupo e fixo uns traballos fantásticos».

«O que me interesa -explica o Estraviz docente- é que o alumno faga aquilo que a el mellor lle vai. No caso deste, banda deseñada. O que non podes facer é frustralo porque todos valemos para algo e o profesor ten que buscar aquilo que mellor lle vai ó alumno. Sería un sacrilexio coller a Robledo e dicirlle que deixara de lado iso».

«Agora -reflexiona Miguel- está máis ou menos asumido, pero naquela época había un certo estatus na creación e facer monecos de banda deseñada nin siquera é pintar... Era raro. Que alguén lle dera importancia a un excluído que estaba nunha esquina eu valóroo moito. Eu era moi tímido e o instituto non foi a mellor época da miña vida. Recoñézome no neno apartado; eu era ese: o neno que estaba alá atrás, escondido, o raro do fondo da clase».

Outros dous profesores, Edelmiro Vázquez Naval e Ana Salgueiro, rescataron a Miguel do seu peculiar zulo: «As Matemáticas dábanseme horrible. Os da miña especie somos os que estamos debuxando no libro en vez de atender e el dábame cancha. Edelmiro foi a primeira persoa que me mercou ilustracións».

«Unha vez, nun exame de francés, fixen unha redacción en prosa poética ou algo así; pensei que Ana me ía botar unha bronca, pero encantoulle. Despois adaptei un poema francés a banda deseñada e ela usouno cos rapaces. Animoume moito».

«Unha cousa imprescindible é facer que o alumno se valore -sentencia Estraviz-. Os primeiros días de clase eu quería saber cousas dos alumnos e dicíalles que o que non me falase ben da súa aldea non podía aprobar nunca».

O dos aprobados é un mito na vida docente de Estraviz. «Non suspendín a ningún alumno», asegura. Robledo ten a súa visión: «Estraviz é pura enerxía, ten a enerxía dun neno no sentido positivo. A este home calquera idea que lle dabas parecía que lle daba calambres, todo lle parecía ben. Era vangardista como plantexaba as clases, non usaba libros de texto, pero logo chegabas ó Selectivo e... foi no que mellor nota saquei, en francés tamén. Ese resultado era pechar o círculo de que o seu traballo era útil».

Referente do reintegracionismo, Estraviz, na aula, «respectaba o de cada un. Só lles pedía que non usasen o reintegracionista no selectivo, por se acaso, pero houbo quen o fixo e sacou un dez».

miguel robledo e isaac estraviz