Cando a aposta polo rural se atopa coa falta de servizos

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

TOÉN

MIGUEL VILLAR

En Trellerma, a pouco máis de dez quilómetros de Ourense, están sen teléfono nin Internet desde o 22 de decembro

14 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Lola, ou Dolores Vázquez Rodríguez que tanto ten, está encantada coa decisión de ir vivir a Trellerma (Toén). Alí está a casa orixinaria da familia do seu marido que restauraron e na que viven: «un paraíso no que se está estupendamente sen necesidade de ter que ir a parte ningunha». Logo de toda unha vida traballando de auxiliar de enfermería -e tamén de psiquiatría no veciño hospital de Toén- Lola vive en Trellerma mais ten un grave problema que bota por terra as boas intencións, as campañas da Xunta do compromiso coa terra -«volver ao rural»- e os compromisos do Goberno central cos territorios «vaciados».

Dende o pasado 22 de decembro na casa de Trellerma están sen teléfono fixo e sen Internet. E non semella que haxa intención de mudar tal cousa. Unha cobertura, a de telefonía e Internet, que está máis preto das prestacións de hai unhas cantas décadas que as que se ofrecen na década dos 20, en pleno século XXI. Cando funciona, esa é outra, a conexión á rede cáese cada pouco «e ti estás pedindo cita para o médico ou facendo calquera xestión e alá vai todo: queda colgado, perdes o que estabas facendo e quedan os teus datos aí metidos», o que a ela lle xera un rexeitamento grande.

Tivo que renunciar á UNED

Implicada e sempre apostando pola formación e o coñecemento, Lola era alumna da UNED e estaba moi satisfeita cos seus estudos de Psicoloxía. Ata que Telefónica se meteu polo medio e a veciña de Trellerma tivo que renderse. «Cando estaba facendo os traballos por Internet caíase a liña e quedaba sen nada do que levaba feito e tiña que volver a empezar. Iso se daba recuperado a conexión. A opción que me daban era ir ao bar e aproveitar o wifi. Pero non me dá a gaña: porque vou ter que ir ao bar, toda cargada cos libros e cos apuntes, para facer un traballo da UNED se estou pagando por ter Internet na casa!». Os profesores tentaron que non o deixara, mais Dolores Vázquez Rodríguez rematou farta: «Non podía máis, era unha situación que me poñía mala e decidín abandonar».

En Trellerma, a casa de Lola está a pouco máis de douscentos metros do antigo hospital psiquiátrico de Toén, viven preto de trinta veciños e Lola considera que o pobo é dos que teñen futuro: «Aquí cada vez hai máis xente, e parellas novas que compran casas para restaurar e vir a vivir. Hai nenos e estamos preto do grupo escolar. Estás a un paso de Ourense e temos unha calidade de vida do mellor». Aínda que, polo de agora, as comunicacións semella que van seguir tendo que depender da telefonía móbil porque a outra non dá resposta ás demandas dos habitantes do pobo.

O móbil serve á veciña de Toén para facer as xestións do día a día e para saír do paso. E mentres, dende o 22 de decembro, segue á espera de ter servizo.