E ti máis!

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

TOÉN

26 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis vale malo coñecido que bo por coñecer. Iso podería ser o resumo das declaracións do presidente do Goberno do Estado despois de que o partido que dirixe fora condenado por corrupción. Non era el, eran outros, e os malos coñecidos non sabían nada. Así que aquí paz e despois gloria. E sigamos aplicando aquilo de mexan por nós e dicimos que chove. Que para iso somos terra sufridora. ¡Home, non! Será o momento de deixar de ser os coitadiños que comulgan con pedras de muíño. Non pode ser que queiran facer ver que o tesoureiro montou toda esa trama só, sen axuda e sen coñecemento do resto. Que non foi que furtou a volta de ir á tenda comprar o pan como faciamos de cativos... Que outra cousa digo, a min que non me veñan de novo coa historia de que non hai cartos, que os recortes son precisos e que viviamos por enriba das nosas posibilidades. Igual iso pasa en Génova, pero cústame máis pensar que sucede en Toén (onde lles quitan unha enfermería, porque non hai recursos...) ou na casa de Edgar (onde teñen que facer unha colecta de tapóns para pagarlle un audiófono ao cativo) ou na dos pensionistas aos que lles subiron catro euros a pensión. Que para xubilación a que tiña Bárcenas gardada nun paraíso fiscal. ¡Ou a de Zaplana! Aquí xogamos ao de parvo o último e o que non leva máis é porque non puido. Pero ninguén dimite e ninguén asume, e xogan cos medos de que «outros virán que bo me farán» para tratar de manter o inmobilismo. Pero xa abonda. E deberían empezar a moverse os dos propios partidos. ¿Ou no PP non hai ninguén indignado ante o que acreditou un tribunal?