Ernesto Romero: «Optei pola xubilación parcial para manter o cine aberto ao público»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

TOÉN

Santi M. Amil

O dono da única sala do occidente ourensán seguirá proxectando por un tempo

26 sep 2017 . Actualizado a las 17:03 h.

Aínda recorrindo ao tópico, Ernesto Romero simboliza o paradigma da maxia da sala escura, do celuloide e do mundo dos soños. Na metalinguaxe da narración audiovisual abondan os títulos de referencia, quedando dende finais dos 80 Cinema Paradiso como esa casa común que se visita cando hai tempo para as lembranzas. E nesta historia Ernesto foi Totó (Salvatore) e é Alfredo. E todos cantos saben de carrexar bobinas, repasar a película, queimar varillas de carbón, calibrar lentes e focos, amañar o son, varrer a sala e tantos e tantos traballos son o propietario do Novocine de Leiro. Tamén os que pasaron do analóxico ao dixital e mesmo os que apostaron polos novos formatos -el foi o primeiro en instalar o 3D na provincia de Ourense, asistindo máis de 5.000 espectadores aos pases de Avatar-.

É o de Ernesto Romero un caso que vai máis alá da paixón cinéfila. Entrou no cine do seu pobo, o Principal, no ano 1966 e quedou engaiolado de por vida. «Os traballos eran os que se facían daquela: varrer a sala, axudar para darlle a volta ao rolo, repasalas películas porque daquela viñan bastante mal -botabas toda a tarde do sábado mirándoa-, facer os carteis para anunciar as sesións... o que cumprira». Foise ao servizo militar en 1973 cun só desexo: á volta collería o traspaso do Principal para xestionalo e facer do cine o seu modo de vida. Non foi posíbel, a sala pechara as súas portas e non había solución de continuidade.

Aquilo só foi un atranco na vontade do mozo. Sacou o carné de operador e foise a Vigo cunha carta de presentación asinada por un familiar do carballiñés Isaac Fraga, daquela un dos grandes empresarios da exhibición cinematográfica estatal. Xa se vía o remate de 1976 cando Ernesto Romero comezou a traballar para a sociedade: entrou no Teatro Cervantes de Vilagarcía e cando enceta 1977 xa está no espazo de referencia da Empresa Fraga, o García Barbón de Vigo. Este teatro-cine, xunto co Plata e o Vigo, salas da mesma empresa, foron o seu lugar de traballo antes de incorporarse ao seu propio cine en agosto de 1983.

Mudou moito a industria e a exhibición neste tempo. Ao Principal chegaban os títulos con anos de retraso e o Novocine accedía ás estreas cando levaban varios meses na carteleira. Agora xa non; onte mesmo Ernesto Romero pasaba Kingsman e fíxoo o mesmo día que estrearon a cinta as grandes salas e as principais empresas do sector. «Son outros tempos, moito máis doados e mellores. Todo é máis fácil e máis sinxelo, no que á distribución e á exhibición se refire. Mágoa non ter máis salas porque podería pasar outras estreas». O propietario do cine de Leiro, a única sala estábel nas comarcas do Ribeiro e do Carballiño, móvese no tempo no que debería estar xubilado. Matinou en deixalo, máis venceuno a paixón: «Optei pola xubilación parcial para manter o cine aberto ao público. Non sei por canto tempo, pero quero seguir porque me gosta o que fago e a xente vai respondendo. Se pecho xa non habería un cine en toda esta zona».

Refacer unha Ossa 60 A

Ao tempo, mantén as coleccións que foi creando nestes anos. Cen gramófonos, de entre 1900 e 1935, en perfecto estado de funcionamento, máis de 4.000 discos -case todos de pizarra-, diferentes tipos de proxectores e outros materiais enchen a súa casa. A súa última aventura foi montar, restaurar segundo o estado orixinal e pór en marcha -tivo que meter a corrente trifásica- unha Ossa 60A que mercou no rastro da Praza Maior de Ourense.