«A min en política nunca me dirixiu ninguén, sempre fun libre para decidir»

«Cando cheguei o Concello estaba nunha casa de alugueiro e nunca vira tanta miseria xunta», asegura Manuel Gallego, alcalde de Taboadela y regidor más veterano de Galicia

;
«A min non me dirixiu ninguén» Manuel Gallego es alcalde de Taboadela desde hace 47 años. Si sumamos los que pasó como concejal, son 52 años dedicados a la política local

ourense

Nuns meses Manuel Gallego (Taboadela, 1937) deixará de ser o alcalde máis veterano de Galicia. E detrás del quedarán unhas marcas que van ser difíciles de repetir. Entrou de concelleiro polo terzo familiar en 1967 e converteuse en rexedor en 1972. Nas primeiras eleccións municipais logo da ditadura -3 de abril de 1979- acadou a alcaldía con UCD, e no mesmo cargo segue corenta anos despois. Foi emigrante en Euskadi e, de volta en Taboadela, fíxose industrial avícola. Estivo na orixe da Coren xunto a Franqueira, ao que admira de certo, e tamén estivo no sector da construción. E, por riba de todo e ao mesmo tempo, foi o único alcalde que coñeceron os que andan polo medio século de idade no seu pobo.

-Sempre fala da experiencia na emigración. Por que volveu?

-Casualidades da vida. De non ser polo alcalde de Mondragón ao mellor seguía en Euskadi. Foron tempos de mili e logo fun para alá. Xa tiña un baixo collido e o financiamento resolto... e o rexedor sacou un decreto polo cal non se podían abrir máis locais na zona de bares de Mondragón.

-Mantén a relación?

-Sónlle fiel a Euskadi. Non hai ano que falte. Coñezoo todo e gozo coa súa comida.

-Pasou de aspirante a hostaleiro a granxeiro.

-Coincidiu que viñeran dunha empresa americana a dar unhas charlas e dende que volvín son avicultor. Primeiro aquí non había nada, íamos levar os polos a matar a Lugo, pero logo xa foi cando creamos a Coren.

-Case que medio século despois como ve o pobo?

-Cando empecei, antes fora alcalde Antonio Loureiro, aquí non había nada. O Concello estaba nunha casa de alugueiro e nunca vira tanta miseria xunta. Non tiñamos nin un duro nas contas. Nada, cero pesetas. E houbo que facelo todo: crear estradas e camiños, que só había carreiros, comprar terreos para facer as dotacións -aquí , onde está a praza e o Concello, tivemos que mercarllo á igrexa- e así fomos facendo. Na actualidade o patrimonio do Concello de Taboadela supera os 31 millóns de euros.

-Do feito con que se quedaría?

-Co proxecto da acometida da auga. Aquí sempre tivemos problemas cos mananciais e cando dixen que ía traer a auga do Arnoia ríronse de min. E xa hai ben anos que os veciños de Taboadela contan co servizo e a auga do Arnoia pasa por aquí.

-A tres meses de rematar a súa etapa política que o mágoa?

-O Val da Rabeda. Como viña do goberno anterior rexeitárono. Paralizar o proxecto do Val da Rabeda foi un tremendo erro por parte do PP. Dóeme porque son os meus, pero actuaron mal. Fun 30 ou 40 veces a Santiago por este tema, e nunca conseguín que me fixeran caso. E aí están, máis de dous millóns de metros cadrados -entre Taboadela e Paderne- mercados, pagados e abandonados. Iso non é xusto.

-Dos políticos cos que tratou de quen garda mellor recordo?

-Sempre lembro aos gobernadores de cando empecei, de López Ramón a Regalado Aznar, e sen dúbida a José Luis Baltar, un amigo e un home de palabra. E por riba de todo a Franqueira. Non houbo, nin haberá, outro político como Gómez Franqueira.

-Cal é o segredo para manterse durante medio século?

-A min en política nunca me dirixiu ninguén, sempre fun libre para actuar segundo o meu criterio. Ninguén me reprendeu e fun soberbio con quen o merecía.

«Vou vivir a vida o mellor que poda, como fixen sempre, durante o tempo que me quede»

Di que non hai fórmulas para trunfar e recoñece que a política foi a súa verdadeira ocupación, por máis que fose «industrial avícola» -é socio de Coren, a quen lle ten cedida a xestión das súas instalacións- e tivese unha empresa de construción «que non puxo un ladrillo nin botou unha placa en Taboadela».

-Haberá moitos veciños que só coñeceron un alcalde.

-Certo. E sempre estarei en débeda cos meus veciños, que durante todos estes anos confiaron en min para levar o concello.

-Como moitos compañeiros de viaxe percorreu o camiño UCD-PP.

-Sin pasar por Centristas. De Coalición Galega a AP. Franqueira foi a persoa que máis fixo por esta provincia, e aí están moitas familias vivindo dese proxecto, e Barreiro Rivas foi o que fundiu a CG. Moi intelixente, pero foi o que enterrou a Coalición Galega. Aínda teño aí as cartas que lle remitín daquela a el, poñéndoo verde, e a Senén Bernárdez.

-Con quen foi soberbio?

-A Quiroga -o que foi presidente da Xunta preautonómica- díxenlle que era dos que estaban colgando a CG e boteino dun xantar que tiñamos no Villanueva de Lalín e ao Agustín -refírese ao exconselleiro e actual portavoz do PP en Compostela- deixeino plantado nunha reunión na Consellería. Cando me amolan teño un pronto adoecido.

-Vai estrañar a política? Que fará ao deixar a alcaldía?

-Vou vivir a vida o mellor que poda, como fixen sempre, durante o tempo que me quede. Gústame ir aos touros a Zamora, Valladolid ou onde cadre. E cando vou ás festas de Burgos ao día seguinte tiro para Bilbao para ir aos mellores restaurantes. Que non son os máis caros, senón onde mellor se come. Sempre me gustou a troula; e se houbo que cambiar algún pleno por iso mudouse. Poucos eh!

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«A min en política nunca me dirixiu ninguén, sempre fun libre para decidir»