Felipe Traveso: «Non entendo por que Baltar masacra onde non goberna o PP»

Pablo Varela Varela
p. varela OURENSE / LA VOZ

SANDIÁS

Miguel Villar

O alcalde do municipio de Sandiás denuncia «cinco anos e medio de acoso político»

08 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Felipe Traveso accedeu á alcaldía de Sandiás no ano 2015 con Agrelsan, o municipio levaba 36 anos con maiorías absolutas do Partido Popular (PP) e baixo a batuta de Concepción Méndez. Comezou a súa etapa con dificultades, e conta que, nada máis gañar as eleccións, «Baltar pediume abertamente que me pasase ó PP». No 2019 acadou o seu segundo mandato con sete concelleiros, e agora expón estar «farto». «Levo cinco anos e medio sufrindo acoso político de Baltar», sinala.

-Vostede fala de que non hai moita sintonía do Concello coa Deputación. Por que?

-Hai máis con San Caetano. Noutras administracións, como a Xunta, si se me recibe e axudan con cousas que son necesarias para Sandiás. Fixéronse convenios coa vicepresidencia por temas enerxéticos e recibimos algunhas subvencións. Tamén con Medio Rural, por infraestruturas deterioradas. E había boa comunicación con Marisol Díaz, anteriormente delegada territorial. Pero o que non entendo é por que Baltar masacra ós concellos da provincia onde non goberna o PP. Os meus veciños son de primeira clase, como nos municipios onde manda o Partido Popular. Pero aí está o problema.

-A que problemas se refire?

-A que hai unha discriminación grande entre concellos. No meu, cando son eleccións xerais ou autonómicas, unha maioría dos veciños vota polo PP. Como nas municipais non o lograron, pasan de nós. Das subvencións nominativas que se lle outorgaron a concellos da provincia, por máis de seis millóns de euros, Sandiás non tivo nada. E iso é a gota que colma o vaso.

-Houbo reunións este ano coa Deputación para limar asperezas?

-Neste 2020 pedín unha entrevista con Baltar en xaneiro. Outra en maio, e tampouco me recibiu. En setembro, unha máis, que tampouco. Xa no 2015, tras gañar, ás dúas primeiras veces que me recibiu na Deputación foi porque ía con algo semellante a un «mecenas» comigo. Ata que me plantei. Pero despois, no ano 2018, no mes de outubro e xa bastante antes das anteriores eleccións municipais, si que se presentou en Sandiás para pedirnos que fósemos na súa lista. Aí si que veu onda nós.

-Déronse ofrecementos dalgún tipo naquel momento?

-Non houbo cousas directas, porque non demos opcións. Outros tirarían da corda, pero nós tiñamos as cousas clarísimas. Xa desde que entramos en Sandiás, o PP tirou a dar desde o primeiro momento, porque nós tiñamos de inicio catro concelleiros e eles tres. Un dos nosos acabou pasando ó grupo de non adscritos. Superáronse mocións de confianza. E o ano pasado, gañamos de novo acadando sete e o Partido Popular dous. E fixémolo para cambiar anos de marrullerías tremendas, como as que había anteriormente co voto por correo. E segue habendo mentiras, como o proxecto da planta de biogás na Limia.

-Fíxose unha proposta real nese sentido?

-Baltar está vendendo por libre un proxecto de xestión ambiental que debería englobarse dentro da Mesa da Limia, con todos os colectivos dentro. Somos unha comarca agrícola, e antes do confinamento falouse de poñer en mancha unha instalación de tratamento de purines. De súpeto, aparece como se fose conseguido por el, e iso indigna. Sobre todo, porque non hai nada riba da mesa.