Marisa Crespo puxo en valor «a alma da terra», como filla predilecta de Cea

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

SAN CRISTOVO DE CEA

Miguel Villar

A cardióloga do Chuac recolleu o título no mosteiro de Oseira

12 sep 2021 . Actualizado a las 09:20 h.

O mosteiro de Oseira vestiuse de gala para acoller a celebración do acto de concesión do título de filla predilecta de San Cristovo de Cea á cardióloga Marisa Crespo, xefa da Unidade de Insuficiencia Cardíaca e Transplante Cardíaco do Chuac e oriúnda da parroquia ourensá de Santrós. «Esta distinción estimúlame aínda máis a seguir sendo embaixadora de Cea, das súas xentes e, moi especialmente, de Santrós, onde está a miña casa familiar e que visito coa maior frecuencia que o traballo me permite. Temos, ademais, un importante patrimonio material e inmaterial neste concello», dixo. O discurso de Marisa Crespo estivo centrado nos seus pais. «Sentín sempre un amor profundo polos meus pais. Nada ten sentido sen eles», afirmou. Lembrou a súa infancia no pobo e o recendo do pan de Cea, co que dixo que debería facerse un perfume. Falou do orgullo que sinte polas súas raíces e destacou «a alma do rural» que, afirmou, é necesaria pór en valor. A doutora non se esqueceu dos seus compañeiros do Chuac e dos enfermos: «O que sempre me consolou tras perder aos meus seres queridos foi poder axudar aos demais. Acompañar ao paciente e á súa familia».