Graham Greene en Galicia

SAN CRISTOVO DE CEA

07 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O gran escritor británico Graham Greene tiña unha enorme curiosidade por coñecer a España de don Quixote e de Unamuno, pero prefería facelo despois de que finase Franco, algo que tardou en suceder. Máis, á fin, o caudillo morreu o 20 de novembro de 1975 e, uns poucos meses despois, Greene, acompañado polo seu gran amigo español o sacerdote paúl Leopoldo Durán, púxose en camiño por España nun Renault-5 co desexo de profundar na historia dun territorio que o fascinara sempre, pero que agora necesitaba literalmente descifralo na súa enorme variedade.

Veu quince veráns consecutivos e esgotadores, sempre co seu amigo Durán. No primeiro centrouse en Galicia, a costa cantábrica, Salamanca, Burgos e Segovia. Unha viaxe na que visitou a tumba de Unamuno e sentiu unha especie de epifanía ou emoción que probablemente foi a que o levou a escribir o seu Monseñor Quixote. Porque a súa identificación con Unamuno foi o arrinque dunha admiración irrefreable e incontible.

O seu paso por Galicia foi tamén a viaxe de recoñecemento dun espazo físico que tiña moito que ver co seu, coma se literalmente fose a outra beira dun mar que o xuntaba e á vez o separaba do Reino Unido, onde el nacera en 1904. Pero houbo algúns lugares que o conmoveron especialmente. Un deles foi a singular cidade de Santiago de Compostela, como era de esperar. E tamén o Lugo romano. Pero quizais a súa emoción medrou aínda máis na intimidade espiritual do mosteiro de Oseira, a onde chegou acompañado polo gran actor británico Alec Guinness e polo seu amigo Durán. Visita que se repetiu anos despois e que influíu na concepción espiritual e literaria de Monseñor Quixote.

Graham Greene comparecía fascinado na España posfranquista e dedicábase a tomar notas e a ler libros (de 7 a 10 novelas ó mes). E así uns quince veráns, sempre co seu amigo Durán. Namorado tamén das dúas Castelas, Andalucía, Cataluña, Levante, Estremadura e moi particularmente Portugal (Porto, Lisboa e Sintra). En Madrid o seu gran descubrimento foi Goya, como antes lle pasara a Hemingway, a Orson Welles e a moitos outros.