Un plan director mellorará o mosteiro de Oseira e potenciará o uso turístico

O investimento é de preto de 800.000 euros e o proxecto está dirixido polo arquitecto galego César Portela

.

ourense / la voz

Nun lonxano 1137 dátase o ano fundacional do mosteiro de Oseira. Un tempo no que pola Serra Martiñá campaban os osos, que son o elemento identitario do escudo dos cistercienses de Cea, e no que todo era silenzo. Da puxanza medieval e dos anos de esplendor pasouse ao abandono e os roubos logo da Desamortización, para voltar os monxes ás terras de San Cristovo de Cea nas primeiras décadas do pasado século. Encetaba daquela, cos pioneiros que poboaron as ruínas do mosteiro, un traballo de recuperación e rehabilitación a base de moito esforzo, sacrificios e estirando as poucas axudas que chegaban ao lugar. Un traballo que foi recoñecido no seu tempo co premio Europa Nostra e que seguiu, aos poucos e como se foi podendo, en base ás axudas que foron aportando institucións como a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.

Un traballo que se verá agora amplamente reforzado co plan director que se está a levar a cabo en Oseira e que foi presentado onte nunha visita realizada ao mosteiro polo presidente da Xunta. Na mesma, Alberto Núñez Feijoo estivo acompañado polo presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar Blanco, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o alcalde de Cea, José Luis Valladares, e o superior da comunidade cisterciense, Alfonso Lora.

Da fachada aos claustros

O plan director, do que é responsable o arquitecto César Portela, contempla un investimento de case 800.000 euros e o presidente autonómico salientou o feito de que as obras «teñen como obxectivo potenciar o atractivo cultural e turístico da comarca e, ao mesmo tempo, forman parte do programa que está a desenvolver a Xunta para actuar en todos os bens de interese cultural que se atopan preto dos camiños de Santiago». Os traballos de mellora abranguen a igrexa do mosteiro, a fachada principal exterior do claustro da hospedaría, parte da cuberta, intervencións nos claustros, na sancristía e na sala das Palmeiras, entre outros lugares. Neste espazo emblemático, un dos símbolos de Oseira, desenvolvéronse as intervencións dos representantes institucionais. O alcalde de Cea, José Luis Valladares, agradeceu a aposta polo mosteiro e amosouse convencido de que o investimento servirá para potenciar a comarca e, ao mesmo tempo, incidir na necesaria implicación e compromiso coa dinamización do rural.

José Manuel Baltar, presidente da institución propietaria do recinto monumental, lembrou que Oseira leva máis de 800 anos marcando a historia da provincia e de Galicia e que o mosteiro ten acollido nos últimos anos actos como o da entrega do premio da ourensanía ao relixioso Rodríguez Carballo, a gravación dun videoclip de Alejandro Sanz ou a xuntanza cos empresarios norteamericanos celebrada o pasado ano.

Na presentación do plan director César Portela incidiu na necesidade de actuar en varios espazos para arranxar problemas de humidades, de danos nas carpintarías de madeira e noutros aspectos. A reordenación do espazo exterior para evitar a presenza de coches ou a dotación dun novo céspede e rego por aspersión nos claustros serán só parte das actuacións.

De Melón a Monterrei

Feijoo salientou as intervencións das Xunta en espazos patrimoniais como a fortaleza de Monterrei, os mosteiros de Montederramo, San Clodio e Melón ou a rectoral de Santo André.

Votación
0 votos
Comentarios

Un plan director mellorará o mosteiro de Oseira e potenciará o uso turístico