«O transporte metropolitano ten que mellorar. Agora non é operativo»

Rubén Nóvoa Pérez
rubén nóvoa OURENSE / LA VOZ

SAN CIBRAO DAS VIÑAS

Santi M. Amil

O alcalde de San Cibrao lamenta a actitude «irresponsable» dalgunhas empresas que provocan vertidos ao cauce do río Barbaña

01 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Por si quedaban dúbidas de que San Cibrao das Viñas (5.184 habitantes) é un municipio eminentemente industrial, quedan totalmente disipadas ao chegar ao despacho do alcalde Manuel Pedro Fernández Moreiras, xa que unha fotografía de grandes dimensións cunha vista panorámica do polígono de San Cibrao da a benvida a quen o visita. Esa presenza industrial reduce quebradeiros de cabeza habituais na xestión municipal como a débeda ou o paro, pero tamén supón un reto de xestión para dotalos das infraestruturas necesarias. Actualmente, ten dous grandes retos por diante: a conexión desde a A-52 e a posta en marcha do transporte metropolitano.

-A industria marca o día a día da xestión. ¿Será un alivio a nivel de ingresos municipios?

-O 40 % da industria de Ourense está nos nosos polígonos -San Cibrao, Barreiros e parque Tecnolóxico- e, por suposto, que se nota a nivel de recadación, tanto no IBI, como no IAE, como no imposto de vehículos. Nós temos ese gravame ao mínimo que marca a lei, polo que a maior parte das empresas teñen os seus vehículos matriculados en San Cibrao.

-¿Ten unha relación fluída cas empresas e os seus colectivos?

-Temos un contacto directo e hai unha boa colaboración. Unha das súas principais demandas ten que ver coa seguridade e nós temos invertido unha cantidade importante de diñeiro nos últimos anos par aumentar os sistemas de videovixiancia. Iso é algo que valoran moito os empresarios e nótase porque hai poucos roubos, pese a que son moitas empresas.

-A depuradora e os vertidos ao Barbaña están constantemente no foco da polémica. ¿Terá solución a corto prazo?

-Está en fase de redacción o proxecto da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para facer unha reforma e construír un novo colector para recoller as augas fecais dos polígonos.

-Vai ser difícil que se quiten a fama de concello que dana o río Barbaña.

-Os vertidos dependen moito das empresas. Se hai algunha irresponsable, o que nos ocasiona é un trastorno e que cause os problemas no río que todos coñecemos. Nós non podemos facer moito máis. A depuradora ten a capacidade que ten dentro dos parámetros que marca a lei, pero non pode facer nada ante vertidos irresponsables.

-Despois de tantas voltas, ¿está satisfeito co enlace coa A-52?

-Eu como alcalde estou contento. Hai voces de empresarios que din que debería de ser unha autovía. Todo é mellorable, pero para empezar estou satisfeito. Oxalá dentro de cinco anos haxa que facer un desdobramento, porque significaría que o polígono creceu moito. O que pido é que a fagan canto antes, tal e como está definida no proxecto.

-¿Ten boa relación coa cidade?

-Coa cidade a relación é boa, pero o alcalde non ten maioría e moitas veces non pode facer todo o que lle pedimos. O máis importante que temos pendente é que adxudiquen o novo transporte urbano para que eses autobuses poidan chegar ao polígono e ao núcleo de San Cibrao.

-¿Como valora que o transporte público ao polígono de San Cibrao sexa case clandestino?

-O transporte metropolitano ten que mellorar moito, porque agora non é operativo e non da resposta as demandas de San Cibrao. Que un veciño teña que facer transbordos para chegar aos polígonos industriais ou aos núcleos de poboación máis importante que temos non é operativo. Os urbanos de Ourense teñen que facer ese recorrido cada hora ou cada hora e media.

-¿Estará para 2019?

-Iso depende do Concello de Ourense. O alcalde está en sacar o concurso, pero depende moito da situación política que ten.

«A miña intención é seguir e sería unha sorpresa que me apartarán»

Manuel Pedro Fernández Moreiras ten 61 anos. Leva de concelleiro en San Cibrao das Viñas desde 1991. En 2011, tras un ano como tenente alcalde, asumiu o reto de tomar o relevo de Elisa Nogueira, unha alcaldesa que non deixaba indiferente a ninguén. Vese con forzas para seguir durante, polo menos, outros catro anos máis.

-¿Falou co presidente provincial sobre si vai ser o candidato á alcaldía para 2019?

-Aínda non falamos, pero a miña intención é seguir e sería unha sorpresa que me apartaran.

-Despois de 27 anos na primeira liña política, ¿mantense a ilusión?

-Si. Teño un bo equipo, e unha vez que moitos proxectos están xa encauzados, véxome con forzas. Con 61 anos considero que aínda estou en condicións para aguantar polo menos unha lexislatura. Logo xa iremos falando.

-¿Ten aspiracións políticas máis aló do municipalismo?

-Estou supercómodo no posto que teño. Non pido nada máis. O día que deixe a política ireime para a miña casa, porque as miñas aspiracións están cumpridas con ser alcalde. A política local é moi bonita, pese a que hai os seus cabreos e as súas desilusións.

-Ese papel de interlocutor entre o veciño e as administracións superiores, ¿é complexo?

-Está claro que a nivel Deputación ou Xunta non coñecen os problemas dos veciños como os coñeces ti. Un alcalde ten dúas opcións: estar co veciño ou non estar con el. Eu teño moi claro que cando me comprometo a facer algo, hai que cumprilo. Eles o que non queren e tratar con mentirosos.

-¿A oposición (PSOE) non lle quitará moito o sono so con dous concelleiros de once?

-A oposición fai o seu traballo que é controlar ao goberno e traer demandas que lle trasladan os veciños. Considero que están ben representados.