Viaxe á cidade galaica de hai 2.200 anos

La Voz OURENSE

SAN AMARO

Paco Boluda e o Centro de Infografía Avanzada de Galicia recrean o castro de San Cibrao de Las e propoñen un percorrido interactivo polo mesmo

01 ene 2023 . Actualizado a las 16:48 h.

Hai unha ilustración recurrente do castro de San Cibrao de Las que está no imaxinario colectivo dos ourensáns e, por extensión, dos galegos. É un debuxo que recolle unha pormenorizada recreación de como podería ter sido A Cidade, como é coñecida na zona, cando a mesma estaba no seu esplendor e acollía a preto de tres mil habitantes. Foi realizado polo ilustrador Paco Boluda e tense convertido nunha icona dos traballos e referencias arqueolóxicas, sendo incorporada a moitos proxectos históricos, documentos e informacións ás que se pode acceder na internet. O autor ten seguido desenvolvendo propostas vencelladas á historia e ao mundo castrexo e neste 2022 —cando se cumpriu o centenario das primeiras escavacións no xacemento que comparten os concellos de San Amaro e Punxín— Boluda deu a coñecer unha nova iniciativa na que leva traballando dende hai anos e presentou unha recreación integral en 3D do xacemento.

«Lanóbriga. Unha cidade galaica»

O proxecto ideado e dirixido polo ourensán foi materializado polos membros do Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG). Dende o mesmo son Carlos Paz, Anxo Miján —autor do vídeo— e Miguel Torre —ilustracións— os encargados de ir facendo realidade a proposta que xa comezou hai máis de dous anos e medio.

Visitantes no xacemento de San Amaro e Punxín.
Visitantes no xacemento de San Amaro e Punxín. Santi M. Amil

O vídeo coa recreación da Lansbricae, nome que apareceu nunha das inscricións atopadas nas escavacións, está a disposición en Youtube —co título Lanóbriga. Unha cidade galaica— dende maio deste ano e xa leva preto de 14.500 visualizacións. No mesmo proponse unha viaxe no tempo, dous milenios atrás, para coñecer como era daquela A Cidade e percorrer o castro. A recreación amosa o poboado en todo o seu conxunto e propón un percorrido polo mesmo: ao longo dos case dez minutos creados polo CIAG faise unha viaxe por todo o recinto, dende as torres defensivas da entrada á zona máis libre e simbólica da croa, pasando polas rúas que comunicaban os diferentes barrios, as edificacións de diferente tipoloxía, carros, animais, vivendas ás que se lle está a botar o tellado, o alxibe e as fontes do castro, o interior dalgunha das estancias e os arredores do conxunto, entre outros lugares.

O vídeo ao que se pode acceder en Youtube foi a primeira fase dun proxecto que se segue a desenvolver e que contempla un amplo abano de propostas en diferentes sectores.

 Contra a visión cutre

«O proxecto propón unha viaxe á época de esplendor de San Cibrao de Las, a hai 2.200 anos, para ver como era a cidade e a cultura galaica daquel tempo. Contra a visión da cutrería á que se asocia a cultura daqueles tempos aquí hai unha realidade que é pura cor e moito máis obxectiva daquela que se nos ten achegado tradicionalmente. O obxectivo era facer atractiva a viaxe, sempre dende un punto de vista fidedigno», sinala Paco Boluda. O autor do proxecto lembra que en xacementos como os de Santa Tegra se teñen localizados restos de pigmentos ao redor das vivendas e que a vestimenta e outros elementos foron creados tomando como base documentación histórica, materiais atopados nas excavacións e iniciativas semellantes desenvolvidas noutros países europeos.

Boluda e o CIAG teñen un obxectivo claro no que enmarcan a súa proposta: «O que se trata é de divulgar a nosa cultura e facelo aproveitando as posibilidades que nos dá o 3D».

Das primeiras actuacións de López Cuevillas e Vicente Risco a xogos e percorridos virtuais

O recinto de San Cibrao de Las ocupa unha extensión de case dez hectáreas, repartidas entre os concellos de San Amaro e Punxín, e a ocupación continuada do mesmo dátase entre os séculos II a. C. e o II, con algúns posibles asentamentos esporádicos en épocas posteriores. O castro está escavado parcialmente, centrando os traballos no espazo correspondente ao municipio de San Amaro, e no lugar foi creado no seu día o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa.

En 1921 comeza o interese polo xacemento, logo dunha visita ao mesmo realizada por Florentino López Cuevillas e Vicente Risco. Ao ano seguinte, logo de contar con resposta positiva á solicitude de permiso para escavar na zona, Cuevillas dirixiu as primeiras catas arqueolóxicas e os traballos desenvolvidos ata 1925. Xaquín Lorenzo, Xocas, tamén traballou no xacemento na metade do século pasado. Logo teñen sido desenvolvidas outras campañas, a última de importancia foi no 2016.

 Un gran mercado potencial

O proxecto que están a desenvolver na actualidade dende o CIAG, baixo a dirección de Paco Boluda, contempla un horizonte onde o lugar e a cultura castrexa sexan a base dunha importante oferta. Boluda lembra a imaxe que se tiña hai anos dos vikingos e a presenza actual en series de televisión e outros sectores para exemplarizar o que se pretende facer. «Temos toda unha cultura por vender, a dos galaicos, e nas seguintes fases do proxecto contemplamos a creación de videoxogos, percorrido polo castro con gafas de realidade virtual e outras propostas».