A artista é a encargada dos debuxos de «Galicia Natura»
06 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A ilustradora Eva Piay (Rubiá, 1999) é a autora dos debuxos de Galicia Natura, un libro de Savana Books especializado en temática ambiental, no que Marcos Reinoso pon o texto. Tras formarse en Belas Artes en Valencia e establecerse como autónoma aos 22 anos, a creadora consolida a súa traxectoria no eido editorial con este encargo no que representa a biodiversidade da comunidade galega. O proxecto chegou a mans de Piay por iniciativa da propia editorial, que buscaba estender a Galicia unha serie dedicada a paraxes naturais anteriormente centrada nas montañas catalás e valencianas.
A artista propuxo para a redacción dos textos a Marcos, profesional en dinamización ambiental na comarca do Courel a quen coñecía previamente. Para a elaboración da obra, a debuxante tomou como base as descricións do texto co obxectivo de reflectir da forma máis fiel posible as especies autóctonas e reducir a densidade explicativa do volume a través das imaxes. Entre as dezanove paisaxes conservadas incluídas na publicación figuran a Ribeira Sacra, o Invernadeiro, o Xurés e o Parque Natural Enciña da Lastra, espazo este último situado na zona natal da autora. Asemade, a obra aborda emprazamentos históricos como a desaparecida Lagoa de Antela e contén fichas sobre especies e elementos culturais como os fungos, os líquenes, os osos e os lobos. «A ilustración gústame vela así tamén, como unha forma de que a arte forme parte da vida cotiá», sinala Eva Piay sobre a función das disciplinas plásticas e artesanais na rutina diaria. Un concepto que tamén traslada aos seus estudos formais de cerámica. En relación co eido gráfico actual e o uso da intelixencia artificial, analiza a perda de pegada humana na cartelería contemporánea: «A min paréceme que se perde bastante a esencia dun cartel feito por unha persoa, a estética é totalmente impersonal e iso é o que me dá máis pena, porque ao final non fala de nada».
Ao longo da súa carreira, a artista asinou publicacións como O clube de coleccionistas de selos, de Pablo Nogueira Campo, obra galardoada co Premio Pura e Dora Vázquez no 2022. Na actualidade —reside en Lugo para cursar a especialidade de cerámica na Escola de artes Ramón Falcón— compaxina a docencia en obradoiros coa elaboración dun novo libro enfocado no solsticio de inverno.