O Willy Fog ourensán

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

RUBIÁ

20 nov 2018 . Actualizado a las 21:12 h.

Sen dúbida viaxar con recursos públicos é unha gran responsabilidade, e supón ademais un importante compromiso e unha honra facelo en nome da cidadanía á que se está representando nas institucións, iso si, sempre e cando estes desprazamentos non sexan para beneficio persoal (iso serían vacacións).

Parece pois axeitado viaxar cando hai un motivo e obxectivo concreto que alcanzar, pero córrese un elevado risco con aqueles que andan limitadiños de principios éticos e que cren que poden facer cos recursos públicos o que lles pete, sen nin sequera ter que render contas amosando os resultados positivos e reais destas viaxes.

Nesto pensei cando lin neste xornal que o presidente da Deputación de Ourense vai polo seu viaxe oficial número 75 dende que tomou posesión no ano 2015, o que supón un total de 121 días fóra da provincia por este motivo. Os resultados de que Baltar viaxe máis que o baúl da Piquer, existen, pero son negativos, e unha das causas de que nos consolidemos coma un deserto de oportunidades.

Son moitos os exemplos desta xeada de progreso: durante os tres primeiros meses de 2018 rexistramos a cifra máis baixa da nosa historia de nacementos, unha sangría que ademais pasa factura e xera unha fenda onde os e as que viven no rural gañan ata 11.134 euros menos que os que o fan no perímetro da cidade, e que no mes de outubro foramos a provincia galega onde máis subiu en termos relativos o desemprego.

De seguro é máis apetitoso viaxar a Israel para ver o desenvolvemento tecnolóxico deste país, que darse unha volta por moitos concellos da provincia nos que nin sequera hai cobertura nos teléfonos; que resulta máis presuntuoso pasearse polos corredores dos edificios das institucións europeas en Bruxelas, que facelo polos do centro de saúde de Rubiá ao que lle acaban de quitar un médico; moito máis fácil e moderno chegar en avión ao aeroporto JFK de New York que coller un tren que te leve a case deserta estación de tren da Gudiña; e moito máis fashion pasearse por calquera cidade italiana, que calzarse unhas botas para patear o Xurés e ver o estado no que se atopa…

O problema de actuar coma un «moderno de aldea» viaxando para facerse fotos en cada esquina é que quen o fai non é calquera cidadán, senón o que se supón que como presidente de todos os ourensáns e ourensás, debera preocuparse polas necesidades da provincia.

Se Willy Fog tentou dar a volta ao mundo en oitenta días, a Baltar vaille levar de seguro máis de 121. A gran diferenza é que o millonario londinense pagábase el mesmo as súas excentricidades, pero que non caso de Baltar, págao Ourense e toda a súa cidadanía.