O neno labrego volveu á aldea

La Voz OURENSE

RIÓS

cedida

O festival das artes escénicas de Riós rendeu unha homenaxe póstuma ao escritor Xosé Neira Vilas

15 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Neira Vilas volveu onte á aldea. Ese neno labrego, do rural, que tan internacional se fixo coa súa literatura, volveu onte camiñar polos soutos, entre os castaños, como el gustaba de facer. Volveu en forma de recordo, en forma de homenaxe, a que lle rendeu o festival de artes escénicas Abelardo Gabriel de Riós. Neira Vilas foi elixido este ano para apadriñar unha das árbores centenarias da bautizada como Ruta do Talento. A decisión de incluílo, segundo destacan desde a organización do festival impulsado polo actor Rubén Riós, debeuse ao seu trabalo como «premiado e afamado narrador, ensaísta, periodista e poeta, que ademais de alcanzar o éxito cos seu traballos, foi unha persoa comprometida coa sociedade galega». E, sobre todo, co rural. E alí estivo, presente en Riós. Porque hai quen segue estando presente pese a estar morto. Neira Vilas é un deles; e de representalo encargouse José Luis Reimóndez, presidente da fundación que leva o nome do escritor.

O autor de Memorias dun neno labrego non estivo só nos recoñecementos. Tamén foron elixidos padriños das árbores, desta volta, as afeccións do Celta de Vigo e do Deportivo da Coruña, este último representado polo seu presidente, Tino Fernández. Desde o festival destacouse o traballo de ambos equipos para facer «que todos os galegos esteamos orgullosos dos nosos equipos que participan na Liga española de fútbol».

Os tres nomes figuran xa na Ruta do Talento, creada no 2013 ao abeiro do festival das artes escénicas. Aquel ano os elixidos para dar nomes ás árbores milenarias foron Moncho Fernández, adestrador do Blusens Monbus, o equipo de baloncesto de Compostela; e o actor Javier Gutiérrez. No 2014 uníronse aos homenaxeados o actor e presentador Carlos Sobera e Carmen Avendaño, da fundación Érguete de loita contra o narcotráfico (a cara máis visible das coñecidas como nais coraxe na zona de Arousa, polo seu traballo para sacar aos seus fillos das drogas, e as drogas das rúas). Na pasada edición os organizadores escolleron para a Ruta ao deseñador Roberto Verino e á fadista María do Ceo.

O acto foi conducido pola xornalista e presentadora Lucía Rodríguez, e posteriormente contou coas actuacións dos rapaces participantes nas xornadas creativas, dentro do proxecto Ruralizarte. Participaron varios mozos da comarca, que durante uns días estiveron a potenciar as súas habilidades creativas.

Ao peche desta edición celebrábase a gala do festival, coa actuación de Cándido Pazó, Xoel Yáñez e Lucía Álvarez, Tania Fuegho e Emilio Rúa.