A cuestión dos residuos agrícolas e os xurros

J. Eugenio López y Diego Soto FIRMA INVITADA

RIÓS

28 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aprodución agro-gandeira xera residuos con problemas moi diferentes dependendo do sistema de produción e do contexto físico, socioeconómico e normativo. Un caso particular que merece maior atención é o dos xurros ou purines pola dificultade da súa xestión e impacto en Galicia. Estes prodúcense ao prescindir do uso da palla nas cortes e limpalas con auga. Preto do 90% do xurro é auga e o resto son materia orgánica, sustancias disoltas e bacterias. A inxestión de alimentos ou auga contaminada con xurro pode causar enfermidades graves en homes e animais, así como a morte de peixes en ríos. Ademais, o almacenamento nas fosas xera metano e outros gases de efecto invernadoiro. Pero, ao mesmo tempo, os residuos manexados axeitadamente melloran a fertilidade e moitas das outras funcións ecolóxicas do solo.

O problema dos xurros xorde da mercantilización da industria agro-gandeira galega a finais dos 60. A intensificación e concentración do gando propiciou a xeración de xurros independentemente da base territorial da explotación. A normativa da época era o Decreto 2414 de actividades insalubres de 1961. Co ingreso na UE adóptase a directiva de nitratos de 1978. As súas sucesivas transposicións, xunto con outras directivas de uso de residuos na agricultura, diversificación da produción e mellora do benestar animal, conforman o marco legal vixente. Os códigos de boas prácticas indican límites na dose, aplicación co tempo seco e lonxe de regatos e pozos. Se as fosas non poden acoller o xurro aparecen os vertidos e desbordamentos.

Abondan as solucións técnicas para estes residuos: ampliar a base territorial mediante aproveitamentos silvopastoriles ou o uso comunitario da terra, manexo das cortes con uso mínimo da auga e combinado con restrollo e compostaxe do esterco. Nembargante, as plantas de procesamento centralizado de xurro están a demostrar a súa inviabilidade económica.

A política agraria comunitaria procura a sostenibilidade integrando a produción no medio ambiente e circularizando a economía en base ó coñecemento dos agroecosistemas. Os investimentos das explotacións e axudas deberían fomentar a compatibilidade ambiental, integrando e ordenando os diversos usos e funcións do solo, e aplicando tecnoloxías brandas descentralizadas e escalables. Para isto precisase do uso compartido e ordenado da terra e demais recursos. As administracións deben apoiar as explotacións que desenvolvan alternativas que xeren externalidades positivas e beneficien ao común. Ordenar recursos, fomentar sinerxías, atraer o talento e capitalizar unha economía baseada no coñecemento son tarefas políticas urxentes nas que teñen que coordinarse tódalas administracións.

J. Eugenio López Periago é profesor e Diego Soto Gómez é enxeñeiro técnico agrícola e bolseiro de doutoramento do MECD na Universidade de Vigo, Campus Auga