O Museo Etnolóxico de Ribadavia busca testemuños de migrantes para un proxecto artístico internacional 

La Voz OURENSE

RIBADAVIA

Imagen de archivo del Museo Etnolóxico de Ribadavia.
Imagen de archivo del Museo Etnolóxico de Ribadavia. Santi M. Amil

A artista Natasha Lelenco gravará do 27 ao 29 de xullo as historias dos participantes, que formarán parte dunha instalación internacional con paradas en Ourense, Uruguai e Arxentina

28 jul 2026 . Actualizado a las 13:52 h.

O Museo Etnolóxico de Ribadavia acollerá entre o luns 27 e o mércores 29 de xullo as gravacións do proxecto artístico LSYTSDA (Lo siento, yo tampoco soy de aquí), impulsado pola artista afincada en Ourense Natasha Lelenco. A iniciativa convoca a comunidade migrante da comarca do Ribeiro e da súa contorna a participar nuhna breve entrevista audiovisual e nun retrato fotográfico, que servirán de base para crear unha instalación artística sobre as migracións e a identidade.

As persoas interesadas en compartir a súa historia deben solicitar cita previa a través do correo casadasperitas@gmail.com. Os testemuños recollidos en Ribadavia sumaranse aos obtidos desde maio en localidades como Ourense, Xinzo de Limia ou Fisterra.

O proxecto combina pintura, instalación e creación audiovisual para propoñer unha relectura da moeda como símbolo de valor. Lelenco substitúe os rostros habituais de mandatarios polos de persoas anónimas con experiencia migratoria, cruzando vivencias actuais de procedencias como África, Europa do Leste ou Venezuela coa memoria da emigración histórica galega.

A primeira versión da instalación exporase o vindeiro 17 de setembro na Sala Alterarte do Campus de Ourense da Universidade de Vigo. Posteriormente, o Museo Etnolóxico de Ribadavia acollerá unha montaxe audiovisual específica co material gravado no Ribeiro. Durante o 2027, a obra viaxará a América Latina para exhibirse no Museo de la Movilidad y las Identidades de Montevideo (Uruguai) e no Museo de la Inmigración y Arte Contemporáneo de la Universidad Tres de Febrero en Bos Aires (Arxentina).

Equipo e colaboradores

O proxecto conta coa colaboración do Museo Etnolóxico de Ribadavia e a UVigo —que presta asesoramento académico a través das profesoras Uxía Fernández Piñeiro e Iria Vázquez—. A produción corre a cargo de Casa das Peritas, iniciativa de Lelenco e Tomás Lijó, con dirección técnica de Adrián Riveiro. Ademais, mediante un acordo co CIFP A Farixa, alumnado do ciclo de Produción de Audiovisuais e Espectáculos participa activamente no desenvolvemento técnico da obra.