A adega Cume do Avia abre en Ribadavia O Escaparate: un lugar no que asomarse aos produtos de calidade

Miguel Cebrián Gómez
Miguel Cebrián OURENSE / LA VOZ

RIBADAVIA

Álvaro Diéguez Collarte posa en O Escaparate, un local ideado para tomar viños que, coma a súa adega, Cume do Avia, apostan polo autóctono e polo ecolóxico.
Álvaro Diéguez Collarte posa en O Escaparate, un local ideado para tomar viños que, coma a súa adega, Cume do Avia, apostan polo autóctono e polo ecolóxico. Santi M.Amil

Ademais de viños de distintas procedencias, ofrecen tapas frías e catas

24 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Álvaro Diéguez Collarte creou, xunto a varios familiares, a adega Cume do Avia, na comarca do Ribeiro. Dende un primeiro momento quixeron apostar polo ecolóxico, polo autóctono e non perder de vista a palabra autenticidade. Comezaron de cero hai 21 anos e souberon facer fronte a todos os impedimentos que tiveron por diante. Lograron facerse un oco no mercado e, agora que dispoñen de tranquilidade e da suficiente experiencia, abriron en Ribadavia hai pouco máis dunha semana un local chamado O Escaparate. Chamaronlle así polas dúas grandes cristaleiras que fan de benvida para todos os que queiran achegarse alí a tomar unha copa de viño feita só con uvas.

«Era unha cousa que nos roldaba a cabeza dende hai tempo. Quixemos darlle á xente de fóra a posibilidade de ter máis contacto cos produtores e co viño feito dende a tradición. Como se facía antes», comparte Collarte. Dende a súa adega, quixeron establecer un punto físico para que a xente puidese interesarse polo seu produto e polo dos outros da zona. Para iso, participaron no concurso de Vilas Vivas do Concello e a memoria do seu proxecto foi a que máis chamou a atención. «Aparte de ser unha vinoteca con degustación, tamén queremos facer catas en inverno e cursos de formación enfocados a como levar viñas. Nós, todo o que facemos, facémolo dende o ecolóxico», asegura.

Collarte afirma que, pouco a pouco, o establecemento gaña aceptación, aínda que cre que é un pouco cedo para falar. «Fómolo movendo en redes e repartimos uns folletos nas zonas máis concorridas, como os balnearios e na Mostra Internacional de Teatro, entre outros», lembra. Collarte incide en que en O Escaparate non só venden viños. «Servimos variedade de cousas para picar e, se hai máis fame, tamén servimos tapas frías», engade. Di que queren que se manteñan os obxectivos da súa adega: «Aquí non levan nada adicional. Son viños coma os de antes».