Un século de verbena chega a Ribadavia

Miguel R.Villar OURENSE

RIBADAVIA

Manuel G. Vicente

As noites de verbena, banda sonora do verán galego durante xeracións, toman forma expositiva en Botamos un baile?, unha mostra que pode visitarse na Alameda de Ribadavia ata o 29 de xullo. Xestada na Cidade da Cultura, repasa a historia das orquestras populares desde 1919 ata hoxe, mediante carteis e imaxes que retratan un fenómeno moi activo. A través destas pezas, pódese apreciar a adaptación a cada época dun xeito de lecer profundamente arraigado en Galicia, cun tecido económico propio do sector, en permanente desenvolvemento e innovación. 

Na inauguración, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou o valor emocional e social destas formacións musicais que seguen a mobilizar milleiros de persoas en toda a comunidade. Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia, César Fernández, salientou a importancia de lembrar a identidade galega: «Para o concello de Ribadavia é un privilexio ter aquí esta exposición que nos permite recordar algo que forma parte da nosa cultura e tradición popular», afirmou.

A mostra é froito dun estudo da USC coordinado por Xaime Fandiño e comisariado por Zósimo López e Henrique Neira, con deseño de Fausto Isorna. Ribadavia convértese así na segunda vila en acoller esta itinerancia tras o seu paso por Ponteareas.